Ler esta novela fíxome recordar a diferenza entre o álbum de fotos de toda a vida e o scrapbook. O álbum ten mérito, hai que seleccionar as fotos, ordenalas de xeito lóxico, elixir un libriño no que metelas e traballar mínimamente no deseño. E queda unha cousa máis ou menos xeitosa que nos evoca o momento. O scrapbook vai máis aló. É especial porque ten un tema unificador e implica traballo inxente e meticuloso ao incluír notas, citas, datas, entradas, etiquetas e comentarios. Ao final é un libro avultado porque se adorna con infinitas pezas (botóns, lazos, cintas, pegatinas,...), e ten un toque persoal e íntimo que o fai único. Case se goza tanto de ver as fotos como de ler as anotacións e ver o caderno en si.
O anxo negro constitúe unha colección de fotografías históricas de diferentes contextos e épocas que seguen o fío temático da desaparición da imaxe de Santa Mariña en Cereiro, o que desencadea, como o propio
Gago indica na
web da novela, "
unha serie de incontrolados feitos". E velaquí comeza a labor artesanal, pois esas instantáneas, de por si interesantes, non só se colocan nunha andamiaxe intelixente e lóxica, senón que tamén van acompañadas deses toques persoais que fan da lectura un xogo, unha viaxe.
Deste xeito, acompañamos a diferentes
personaxes: raqueiros, corsarios, xudeus, contrabandistas, crebeiros, cregos, nais, labregas, doutorandas ou raíñas. Sen importar a súa relevancia na historia, cada un deles ten o seu carácter e non nos deixa indiferentes: Conquístanos Andreu
"(...) todo el eran impulsos. Todo el saía do corazón (...) As mulleres namorábanse da súa cara rebelde, do seu vivir non convencional, da pura liberdade que parecía saír del mesmo" (p.102), amolécennos María do Pazo e Xenoveva, catívanos María Estuardo, fascínanos a astucia de Don Servando, un
James Moriarty galego.
Con eles, recollemos triscos de historia nunha viaxe internacional por Rotterdam, Roma, Sheffield, París, as Terras Altas escocesas ou Namur. Porén, son as localizacións da costa norte galega as que verdadeiramente nos namoran pola súa descrición: o mosteiro de Cereiro, o bosque dos Némedos, ou "(...) a impoñente presenza do monte Pindo, como un parapeto natural" (p.49), "un xigante granítico que se ergue poderoso desde o mar, repleto de covas, abrigos, labirintos rochosos (...) gardando exilios interiores desde tempo inmemorial" (p.142)
É tamén unha viaxe no tempo, pasando polo século XVI, a desamortización de principios do XIX, a Guerra Civil ou os anos oitenta.
Exornan o complexo scrapbook as anotacións irónicas, críticas, intimistas ou humorísticas coma as seguintes:
"Acuda á Igrexa. Ela sempre está disposta a botar unha man. E a Igrexa non cambia. Case nunca cambia" (p.18)
"O Estado debe velar polo benestar e a seguridade da infancia" (p.217)
"Os tempos cambiaban. As vellas familias disolvíanse. As casas vellas tirábanse para facer edificios en altura. Os pais deixaban de falarlles aos fillos na súa lingua de nenos. A modernidade parece que consiste en destruír todo o antigo, coma se todo pertencese á mesma caste" (p.317)
"Os de Cereiro tiñan sona na comarca de seren homes soturnos, misteriosos, e algo túzaros. En realidade, era o estereotipo que os habitantes do litoral mariño teñen sempre sobre os labregos de terra a dentro" (p.118)
"Ese é o noso problema, o problema dos galegos. Confundimos país e parroquia" (p.441)
"Ese mundo bucólico escondía por debaixo unha ameaza terrible de perda da memoria da súa propia existencia" (p.227)
"Xa ves, un tipo de Corcubión desprezando aos de seis quilómetros monte arriba, pensando que vivían na Prehistoria ou no terceiro mundo. E en todo o país é así. Sempre hai uns que se teñen por máis listos cós outros" (p.464)
"(...) a vida do mar non o acabou de convencer. Gañábanse cartos pero vivíase pouco" (p.42)
"Fáltanos o medo" (p.145)
"Volvería cando cadrase e o ciclo das ausencias, outra vez ese ciclo eterno do mundo, repetiríase" (p.245)
"E o mariño en terra non procura moitas veces nada máis que unha leiriña, unha leiriña pequena e un horizonte limitado, un mundo abarcable que poida controlar" (p.212)
"- (...) Que carallo levan nesa caixa? Coca? - preguntou Tom.
- Algo máis valioso, rapaz - dixo Andreu enigmático, prendendo un cigarro-. Levan memoria" (p.181)
"E a dor acompañaríame ata o final, sen dúbida, pero nas íntimas sendas do meu corazón, alí onde son descoñecido e vulnerable" (p.436)
"A parroquia actuaba como un poderoso ser mitolóxico de dilatada memoria" (p.45)
"- Xaquín, non fagas coma os fontaneiros, non poñas a parir o traballo dos outros - dixo alguén desde abaixo, e todos se botaron a rir. Bendito humor negro do país, pensou Nicolás" (p.277)
"(...) en plenas Terras Altas escocesas. O cu do mundo. Ben, eles tamén vivían noutro cu do mundo. O mundo estaba cheo de cus, sobre todo para aqueles que pensan que viven nas cabezas" (p.189)
"Carallo, Peter, isto non é Francia nin Italia - dixo Graham-, aquí a xente mata por un retablo" (p.361)
(en Oban) "Pararon nun pub onde degustaron uns sandwiches infames.
- Tanta potencia económica para comer coma o carallo - protestou Andreu" (p.454)
Pero neste scrapbook palimpséstico, non só ten relevancia o que se di e o que se escribe, senón tamén o que non se di. O silencio, o que se cala, o mesmo que é característica dun pobo (o galego) e dunha vila (o Cereiro), manténnos en vilo durante a lectura, preguntándonos que é o que non se nos conta e por que non se conta xa, como cando nos di, "Aquela vella historia, non cicatrizada, da Guerra Civil" (p.120), e ti pensas, "De que historia me fala? Perdinme algo?". O autor pídenos paciencia e aprendizaxe, a aprendizaxe desta arte que el crea e nós debemos descubrir, de interpretar os silencios.
"Nos estraños mecanismos da atracción e do amor, serán estes silencios, estas miradas fixas cos seus ollos claros, esa idea de que non toda ela estaba no aquí e no agora, unha das cousas que o volverían tolo por esta moza" (p.80)
"A costa galega ten esta mestría lingüística. A arte de interpretar os silencios" (p.223)
"Ás veces non é dado facer o meu traballo, padre. As nosas parroquias están construidas con morteiro de silencios" (p.366)
"Hai mensaxes que non precisan de palabras, e as palabras só son quen de contar unha mínima parte delas" (p.434)
"(...) Nicolás viu, alucinado, como unha das historias máis impresionantes que escoitara na súa vida ía ser sepultada baixo o manto de silencio dun pacto de labradores. Que é un pacto moito máis serio que os pactos de cabaleiros" (p.451)
"(...) entre todas elas dixéronlle esas verdades que algunhas mulleres se saben dicir unhas ás outras, verdades que están máis na música das palabras que no seu significado estrito" (p.477)
"O seu silencio, nestes momentos, era a súa participación na historia de Santa Mariña" (p.486)
Quedei encantada de atopar cartas (e moitas) na novela:
"As maletas metidas no fondo dos armarios tiñan postais de Venezuela, fotos enviadas desde a frente de Teruel durante a Guerra Civil, cartas de amor formalistas, como escritas cun manual, nas que todos agarraban que a familia estivese ben" (p.57)
"Diego, quero que abras aquela arqueta e collas un mazo de cartas coa plica "María". Volves aquí e abres as dúas últimas" (p.353)
"A diplomacia é sempre ambigua e revirada, nunca se entende nada ao dereito nas misivas - dixo María -. As palabras escritas confunden, porque hai tempo para pensalas. Son como armas" (p.380)
"Abriume inusualmente o seu corazón, amosándome cartas da súa media irmá Isabel" (p.383)
"(...) fixemos que o toneleiro que metía os viños en Sheffield levase, na súa petaca, un espelliño baixo o cal ían as miñas cartas á raíña María dos Escoceses" (p.403)
"O 10 de outubro de 1586 envioume unha carta. Estaba escrita pola súa man, sen dúbida, pero a letra era tremelicante, escapaba das liñas" (p.409)
Completa o deseño coidado e hábil deste
scrapbook unha colección audiovisual de cinco
teasers e un elaborado
book trailer que se pode ver a seguir. Pezas artísticas que, a modo de anotacións, sen dúbida nos guían na lectura e a enriquecen; pero ao igual que Nicolás, temos que lembrar que "
a Historia non conecta as cousas entre si, facémolo nós" (p.198). Quédanos a nós xogar, enliñando as personaxes, sociedades, vilas, diálogos e feitos para reconstruír a historia.