Wednesday, September 18, 2019

The Heart in Poems: Francisco X. Fernández Naval



ESTIRPE DE HOMEMAR


A estirpe do homemar
sabe ben que o salitre non fecunda,
seca,
que o argazo non afoga,
expira,
que o mar nunca é un final,
só un rumor sen tregua.
O bisavó
rompeu escumas en quilla de xeiteira
agatuñou por cons e lobos de balea
e roubou das pucharcas
a cor secreta das anémonas.


O avó
fixo patria do mar
e navegou sen confín ata as fronteiras de xeo
onde xermola o vento
e onde os homes esquecen
todo canto perdieron.

O pai
mirouse congro. A cada madrugada,
armou palangres, trasmallos, betas,
trallas de corazón
coas que burlar as ondas,
engalanou de encaixes as beiradas
e vestiu os Forcados con colares de chumbo.
Logo enxordou 
por non ceder
ó bico da serea
que cantaba o seu nome
dende o pazo afundido das Lobeiras.

María é do sangue
das que calan,
das que anticipan destinos de tesoiras
e aires de peneira.
Foi ela e non o mar quen pariu fillo,
entón odiou o fluxo das mareas
e renegou da alborada de nácara.
Nesta primeira hora
María sente os pasos furtivos no faiado,
amortiguados pés que descenden os chanzos
dun tempo irremediable,
o se calzar das botas e do traxe de augas
e sabe que el vai beber nos peitos do develo,
mar que só lle dá sal
e calendarios enxoitos de espera.
(...)

En  Mar de Lira (2005)

No comments:

Post a Comment