Monday, September 16, 2019

Libraries (V): Bibliothèque Nationale de France


No paseo literario por París mencionei a Bibliothèque Nationale de France pero, como indiquei, merecía a súa propia entrada, pois é a biblioteca nacional da República Francesa e unha das institucións culturais francesas máis antigas. Chamada BnF desde 1994 (previamente Biblioteca da Nación e Biblioteca Nacional), é herdeira das coleccións reais constituídas desde finais da Idade Media.

No seu momento, o presidente da República, François Mitterrand, que dá nome á BnF, quixo que se deseñase e construíse a "biblioteca máis moderna do mundo". Unha biblioteca enorme que cubrise todos os campos do coñecemento, fose accesible a todo o mundo, empregase as tecnoloxías máis modernas de transmisión de datos, puidese recibir consultas a distancia e colaborase con outras bibliotecas europeas - eses eran os obxectivos.

O lugar elixido foi o distrito XIII, na ribeira do Sena. Escolleuse o proxecto do arquitecto Dominique Perrault, deseñador tamén doutros espazos da bisbarra. A estrutura é cando menos orixinal, con 4 torres darredor dun xardín central máis baixo, o que permite que os/as lectores/as saian á terraza e poidan sentar nas cadeiras e hamacas no que constitúe unha fermosa experiencia sensorial. O equipo de xardineiros ten orde de non intervir máis que para retirar lixo ou reparar ramas rotas co cal a vista é a dun bosque mesto e a banda sonora a dos rechouchíos dos paxaros que aniñan nas árbores. 

Paga a pena facer a visita guiada (3€) coas mediadoras, grandes coñecedoras da historia, as instalacións e os servizos que se ofrecen, ademais de poder acceder a espazos aos que non poderiamos chegar como visitantes ordinarios. Así mesmo, tamén é recomendable facer unha parada na libraría, cun fondo certamente singular.









No comments:

Post a Comment