Showing posts with label F. Scott Fitzgerald. Show all posts
Showing posts with label F. Scott Fitzgerald. Show all posts

Tuesday, October 3, 2017

The Heart in Books: Afirma Pereira

Sempre teño dificultade para responder cando me preguntan polos meus libros favoritos. A lista vai mudando dependendo do ano, o humor, as pegadas das lecturas recentes ou as xogadas da miña mala memoria. Igual che digo Fitzgerald e Hemingway un día como Neira Vilas e Tagore outro. E despois están os comodíns, os que sempre saen, que entraron un día na miña vida para quedar, e os que digo de últimos porque son os que me deron máis pracer e porque dalgún xeito, é como revelar un segredo.

Cando eses textos favoritos foron ademais recomendacións, teñen o engado dunha conexión persoal. Poucas cousas hai tan fermosas como recibir unha recomendación que cativa. Unha síntese endebedada, pois como devolver un agasallo tan elegante como o é unha fantástica experiencia lectora? Aliñáronse as estrelas e Santiago foi o lugar ideal para o primeiro contacto con esta novela, cos outeiriños enclaustrando a cidade no horizonte e as terrazas buscando o abeiro dos toldos. Nacho Rodiño foi o perfecto recomendador que me falou del xusto cando a melancolía do outono comeza a acurralar o verán e a tinguir as follas do corazón.

Afirma Pereira (1994) é unha novela do italiano Antonio Tabucchi (1943-2012). Un volume que atrae pola súa garbosa delgadez e a suavidade das páxinas grosas nas mans. Comeceino a ler mentres camiñaba, e camiñando tirou de min costa arriba e costa abaixo durante dous días mentres o consumía ao mesmo ritmo que Pereira bebía limonadas.


Pereira é un viúvo con problemas de sobrepeso que edita as páxinas culturais dun xornal vespertino de segunda categoría na Lisboa do 1938. Comeza pensando que o normal é exercer a autocensura para evitar a a censura estatal, e que pode transmitir mensaxes de discordia codificadas ao publicar historias decimonónicas francesas sobre a resistencia e o arrepentimento.

Ten unha relación coa política coma a que mantén coa dieta: algo ao que sabe que debería prestar atención pero que é máis fácil evitar, aínda que ese curso de acción poida acabar matándoo.

O espertar de Pereira vén da man de Monteiro Rossi, o fillo que nunca tivo, e que constitúe,  como na literatura do XIX, o seu outro eu, a personificación da súa conciencia política. Rossi tráelle a Pereira artigos de esquerda que nunca publicará, criticando ao italiano Filippo Marinetti ou eloxiando ao poeta Vladimir Mayakovsky.

Gradualmente, Pereira comeza cuestionarse, a darse conta de que o seu “super-ego está em luta com o seu novo eu hegemónico” (p.159) e de que ten que deixar “de conviver com o passado [e procurar] conviver com o futuro” (p.160).

Tabucchi escribe con lixeireza, cunha concisión e axilidade narrativa que nos arrastra sobre todo a través das conxuncións que son adivais textuais. O estilo é experimental, un testemuño en terceira persoa onde “afirma Pereira” en todo o  texto, suxerindo unha declaración á que foi forzado polos seus opoñentes, malia que o testemuño poida ser como limpou unha cella ou un cambio no tempo. É tan absurdo que nos incomoda ao tempo que nos achega hábilmente ao personaxe e ás súas resonancias emocionais.

“Era o dia vinte e cinco de Julho de mil novecentos e trinta e oito, e Lisboa cintilava no azul de uma brisa atlântica, afirma Pereira” (p.12)

“E pensou: esta cidade tresanda a morte, toda a Europa tresanda a morte” (p.15)

“E a eternidade pareceu-lhe um sítio insuportável, abafado por uma cortina de névoa de calor, com pessoas que falavam inglês e faziam brindes exclamando: oh oh!” (p.16)

“Perguntou a si mesmo: em que mundo vivo? E veio-lhe à mente a ideia bizarra de que talvez não vivesse, e era como se já tivesse morrido” (p.17)

“E depois pensou noutras coisas da sua vida, mas estas Pereira não as quer referir, pois afirma que são exclusivamente suas e nada adiantam àquela noite e àquela festa onde contra a sua vontade tinha ido parar” (p.22)

“Disse: a filosofia parece ocupar-se só da verdade, mas talvez diga só fantasias, e a literatura parece ocupar-se só de fantasias, mas talvez diga a verdade” (pp.31, 32)

“Explique-se melhor, insistiu Pereira. Bem, balbuciou Monteiro Rossi, bem, a verdade é que, a verdade é que obedeci às razões do coração, se calhar não devia, se calhar nem sequer queria, mas foi mais forte do que eu...” (p.46)

“Mas eu sou um jornalista, replicou Pereira. E daí?, disse Silva. Daí tenho de ser livre, disse Pereira, e informar as pessoas de maneira correcta” (p.66)

O estilo primario, comprimido e económico destila a esencia do que é ser humano: as conversas de Pereira co retrato da súa muller, a súa relación con Rossi ou con Marta, ou os personaxes que se convirten na súa conciencia (o Padre Antonio, Ingeborg Delgado ou o doutor Cardoso).

Esa lixeireza e habilidade contrarrestan o tratamento dunha temática de tanto peso e gravidade que igual fracasaría de ter engadido interludios ensaísticos ou narradores múltiples. Pola contra, o texto móvese con rapidez conxugada con exquisita delicadeza. O resultado é misterioso, ameazante e desacougante. Invítanos a facer de detectives e a traballar no espazo interpretativo. Unha invitación que sentimos urxente e sedutora.

“A relação que caracteriza de maneira mais profunda e geral o sentido do nosso ser é a da vida com a morte, pois a limitação da nossa existência através da morte é decisiva para a compreensão e a avaliação da vida” (p.10)

Monday, September 26, 2016

Interview: David González

Preséntovos hoxe a David González, autor do blog "Palabra de Gatsby", que vos convido a visitar, onde publica as súas opinións sobre libros, espectáculos teatrais, e temas de reflexión entre outros. 


http://davidlife9.wixsite.com/palabradegatsby

David preséntase do seguinte xeito:

Nacín na marítima cidade de Vigo en Galicia no ano 1995. Namoreime da lectura dende que as miñas mans deslizaron as primeiras páxinas dun libro. Supoño que por iso estudo o Grao en Lingua e literatura española na Universidade de Santiago de Compostela.
Fotografía de Pablo Vázquez
Ademais, tiven o pracer de coñecelo en persoa o martes pasado nun café conversado despois de coincidir nas redes e nalgún evento literario. Falamos do tema do seu traballo de fin de grao (relacionado co paisaxismo e a ecocrítica); duns cadernos de Manfred Gnädinger; das súas experiencias aprendendo linguas estranxeiras; da fermosa historia dun maletín de libros que ían da A-Z e que súa nai lle tivo que "xestionar" para que non os lese todos dunha sentada; das aulas de filoloxía e as lecturas obrigatorias, e por suposto de recomendacións lectoras. David é moi fan dos autores galegos e recomendoume Un animal chamado néboa (2016) de Ledicia Costas e O corazón da Branca de Neve (2014) de Francisco Castro.

Por se fose pouco, foi tan amable de responder a unhas preguntas sobre os seus hábitos lectores que vos deixo a continuación, coa promesa de volver falar del na bitácora, porque algo andamos a argallar.


Que libro(s) estás lendo agora mesmo?


Agora mesmo estou lendo Da fría e distante Estrela Polar (Tomás González Ahola, Urco Editora), Gramática del silencio (Eusebio Lorenzo Baleirón, Rinoceronte) e Cabalos e Lobos (Fran P. Lorenzo, Xerais).

Cales dirían que foron os libros que máis te marcaron e por que?

Sen dúbida teño que sinalar a saga de Harry Potter, que foi a que acompañou toda a miña infancia e adolescencia. The Great Gatsby de F. Scott Fitzgerald foi esencial na miña bagaxe lectora porque amosoume que non hai que ter medo aos clásicos. Converteuse sen dúbida nunha obra de referencia para min e mesmo rematou por dar nome á miña bitácora.

Tes un xénero favorito?

Estou acostumado a toda clase de lecturas, dende ciencia ficción ata a novela romántica. Penso que unha lectura é para min cando consegue deixar algo en min con cada páxina.

Cal é ese/a personaxe inesquecible?

Por suposto ó marxe de sinalar a Harry Potter e a Gatsby, é complicado esquecerse de personaxes como Hamlet, Alicia (Alicia no país das marabillas) ou Jim Hawkins (A illa do tesouro)

Tes algún ritual lector?

A verdade é que non sigo ningún método orixinal. Non soporto ler con música ou con algún son de fondo. Polo demais, sempre adoito escoller a opción máis confortable para gozar dunha boa lectura, e se hai un café aínda mellor.

Libro de papel ou e-book?

O eterno dilema. Sen dúbida, eu prefiro o libro en papel. Probablemente para unha viaxe longa nun medio de transporte usaría o e-book. Os dous soportes teñen vantaxes e desvantaxes pero o cheiro do libro físico, sexa novo ou vello, nunca o terá o dixital.

Cales son os teus sitios favoritos para ler

Normalmente a miña casa ou o transporte durante as miñas constantes viaxes de fin de semana da casa a Santiago.

Por que les?

A miña nai influíu un pouco nese gusto na lectura pero a verdade é que dende pequeno conquistoume o feito de ler. Calquera libro valía e mesmo enfrenteime a lecturas que non ían coa miña idade. Estudo filoloxía a día de hoxe así que o meu afán por ler aínda non esmoreceu.

Podes relatarme algunha anécdota que che pasase relacionada cos libros/a lectura?

Polas noites, cando os meus pais me ordeaban que fose a durmir, lía cunha lanterna pequeniña ás agachadas. Un día, a miña nai pilloume con ela e quitouma e logo regañoume e foise meter na cama. A miña nai o que non sabía é que eu tiña outra para emerxencias e continuaba lendo cando ela durmía.

Aparte do blog, que escribes?

Todo lector sempre gusta de escribir algo. Por suposto escribo textos, relatos e algunha que outra composición (de todo menos poética). Teño necesidade de transmitir a través de palabras moitas emocións e pensamentos.