Showing posts with label Francisco X. Fernández Naval. Show all posts
Showing posts with label Francisco X. Fernández Naval. Show all posts

Saturday, January 18, 2020

Words in Poems: Francisco X. Fernández Naval (V)




TRADICIÓN

Había aquí
un pousse de deserto ou de fronteira,
un eco extremo de días
que foi estirpe,
que quixo ser semente.

Aquí
a lentura
facía medrar as cousas
cando non eran cousas,
reproducía o berro
cando só era regatta,
cana de timón,
rincho de égua ou naufragar sen voz
da madrugada.

Pero hoxe
todo semella un rebulir de axóuxeres,
as lembranças semellan codias
baixo o pó, croas ignoradas
baixo a estéril menstruación dos séculos.
Agora hai quen arrisca a vivir
nun aire sen palabras.

En  Mar de Lira (2005)

Saturday, December 28, 2019

Hands in Poems: Francisco X. Fernández Naval (IV)



DOR

Foi no amencer
na hora posterior ó abrazo,
cando se inicia o canto dos paxaros
e se redime o aire,
cando o silencio decide regresar do silencio.

Retiña a túa man
e espreitaba un alento
que entrecortaba a vida,
a memoria, o futuro fugaz
sen a memoria túa.

Marchabas en sombra pola sombra
e no regreso imposible
xermolaba un eco, unha dúbida,
unha pregunta que asoma e esconde,
¿Cal é a extensión da ausencia,
da perda,
da orfandade?

14 de abril de 2002

En  Mar de Lira (2005)

Saturday, November 23, 2019

Words in Poems: Francisco X. Fernández Naval (III)



BALADA

Que non che doa nada,
nin este extremo de río,
nin ese alento que xa se descompón
en prematuro silencio.

Que non che doa a vida
que a ausencia non che doa,
nin as grosas palabras dos exilios
nin a constante presenza das sombras.

Que non che doa eu,
nin as tardes de maio
con arrecendo a cerna,
nin os altos solpores do estío.

Que non che doa a dor do cuarto
que te garda,
nin a luz desta tarde
que te evita.

Que non che doa a terra
nin os nomes 
que non pronunciarán os labios.
Que non che doa a nada.

En  Mar de Lira (2005)

Friday, October 4, 2019

The Heart in Poems: Francisco X. Fernández Naval (II)



AUSENCIA

Máis alá 
dos petóns está o silencio
dos paxaros,
o ceo atoldado dunha soidade intacta,
a ausencia de navíos,
a cobiza de abrazos.

De alí non se regresa.
O mar alí arroa
e os carreiros confunden as olhadas
atrapallan os pasos
e fan palidecer as sombras.

Por fóra dos petos
ninguén agarda,
só a brétema
que ás veces rebenta nos corazóns
coma unha saudade 
entre horas.

En  Mar de Lira (2005)

Wednesday, September 18, 2019

The Heart in Poems: Francisco X. Fernández Naval



ESTIRPE DE HOMEMAR


A estirpe do homemar
sabe ben que o salitre non fecunda,
seca,
que o argazo non afoga,
expira,
que o mar nunca é un final,
só un rumor sen tregua.
O bisavó
rompeu escumas en quilla de xeiteira
agatuñou por cons e lobos de balea
e roubou das pucharcas
a cor secreta das anémonas.


O avó
fixo patria do mar
e navegou sen confín ata as fronteiras de xeo
onde xermola o vento
e onde os homes esquecen
todo canto perdieron.

O pai
mirouse congro. A cada madrugada,
armou palangres, trasmallos, betas,
trallas de corazón
coas que burlar as ondas,
engalanou de encaixes as beiradas
e vestiu os Forcados con colares de chumbo.
Logo enxordou 
por non ceder
ó bico da serea
que cantaba o seu nome
dende o pazo afundido das Lobeiras.

María é do sangue
das que calan,
das que anticipan destinos de tesoiras
e aires de peneira.
Foi ela e non o mar quen pariu fillo,
entón odiou o fluxo das mareas
e renegou da alborada de nácara.
Nesta primeira hora
María sente os pasos furtivos no faiado,
amortiguados pés que descenden os chanzos
dun tempo irremediable,
o se calzar das botas e do traxe de augas
e sabe que el vai beber nos peitos do develo,
mar que só lle dá sal
e calendarios enxoitos de espera.
(...)

En  Mar de Lira (2005)

Monday, August 19, 2019

The Heart in Books: Mar de Lira



Si dejo elegir a mis pies
me llevan camino del mar,
me llevan camino del mar,
me llevan camino del mar.

Francisco X. Fernández Naval leva pintadas nas mans as caricias do mar. En Mar de Lira (2005),  entérraas na orela, no límite entre o seco e o mollado, unha posición privilexiada desde a que crear os versos dun espazo a un tempo intimamente persoal e vastamente universal.

"O mar de Lira é ancho
ocupa a vista toda que se abrangue ante os ollos,
(...)
No mar de Lira hai penas afogadas
mágoas secas, memorias que esqueceron
a sucesión das ondas e hoxe dormen
na sombra azul das Cabaleiras" 
(p.11)

Rapsodo experto, con precisión tensa, traza co índice as liñas dinásticas de pescadores, estirpes de homemar con nomes propios: Ignacio, María, André, Lestón, Bernaldo, Diego ou Xoanciño.

No puño recolle presadas de area enchoupadas da auga que lambe o perímetro das Lobeiras, de Forcados e do tómbolo de Fisterra.

"o mar nunca é un final,
só un rumor sen tregua"
(p.13)

"mar que só lle da sal
e calendarios enxoitos de espera"
(p.15)


Estende a man e convídanos a unha singradura emocional, a "navegar sobre a nada / (...) sobre o gume dun eco" (p.19). Unha viaxe sensorial de bucinas e faros; de andoriñas, gaivotas e golfiños - "Presencias transparentes que axiña se ausentan" (p.105) -. O aire tanto sobra como falta e o sol non sempre axuda a curar a nostalxia nin os "días de ferro ou de tristura" (p.31). A ausencia, os silencios, a nostalxia, a soidade e a morte pican coma o salitre na pel.

"Por fóra dos petóns
ninguén agarda,
só a brétema 
que ás veces rebenta nos corazóns
coma unha saudade
entre horas"
(p.25)

Nesta viaxe afectiva o poeta combina a súa voz cos sons do mar - a "vaca" de Fisterra, os ecos da borraxeira- e a rapsodia de tristura fainos devecer por enterrar de novo os pés na area. O poeta sábeo e amasa as vogais e a densidade das consoantes para darlle a calidez do abrazo, das olladas, o amor e os soños.

Porén, a estabilidade, a constancia da terra firme non é tal.

"No aparador garda a mágoa dos días navegados" 
(p.77)

"... no insomnio
deste bosque que se incendia ou nese curro de estrelas
que se apaga"
(p.81)

Rómpese a dicotomía terra-mar. A terra é variabilidade, o mar constancia e esperanza, e os nosos pés, coma os de Jorge, lévannos camiño do mar, do mar de Lira.


Para saber máis:
  • Autobiografía de Francisco X. Fernández Naval na AELG
  • Entrada en A noite branca, páxina persoal do escritor Francisco X. Fernández Naval
  • Entrevista por Xosé Iglesias na illa Lobeira