LA BAILARINA APUÑALADA
Baila, co corazón apuñalado, canta
E ri porque a ferida é danza e sorriso,
Pide ás vítimas inmoladas que durman
E ti baila e canta tranquila.
É inútil chorar. Contén as ardentes bágoas
E do berro e da ferida extrae un sorriso.
É inútil explotar. A ferida durme tranquila.
Déixaa e venera as túas humillantes cadeas.
É inútil rebelarse. Nada de cólera contra o furioso látego.
Que sentido teñen as convulsións das vítimas?
A dor e a tristura esquécense
E tamén un ou dous mortos, e as feridas.
Convirte o lume da túa ferida en melodía
Que resoe nos teus beizos degoirantes
Onde queda un resto de vida
Para un canto que non calan nin a desgraza nin a tristura.
É inútil berrar. Noxo e loucura.
Deixa o morto tendido, sen sepultura.
Calquera morre... que non haxa berros de tristura.
Que sentido teñen as revoltas dos presos?
É inútil rebelarse. Na xente, os restos
De veas non deixan circular o sangue.
É inútil rebelarse mentres algúns inocentes
Esperan ser inmolados.
A túa ferida non se diferencia das demais.
Baila, bébeda de tristura mortal.
Os insomnes e os perplexos están abocados ao silencio.
É inútil protestar. Descansa en paz.
Sorrí ao vermello puñal con amor
E cae ao chan sen tremer.
É un don que te degolen coma unha ovella,
É un don que che apuñalen o corazón e a alma.
É unha loucura, vítima, que te rebeles.
É loucura a cólera do escravo cativo.
Baila a danza do forte, do feliz,
E sorrí coa felicidade do escravo a soldo.
Contén a dor da ferida: é pecado xemer,
E sorrí compracida ao asesino culpable.
Regálalle o teu corazón humillado
E déixao cortar e apuñalar con pracer.
Baila co corazón apuñalado, canta
E ri: a ferida é danza e sorriso.
Di ás vítimas degoladas que durman
E ti baila e canta tranquila.
Tradución propia do poema extraído do poemario: El hueco de la ola (1957)
Grazas, Celeste, por me descubrir a web Poesía Árabe.
No comments:
Post a Comment