Monday, September 26, 2016

Interview: David González

Preséntovos hoxe a David González, autor do blog "Palabra de Gatsby", que vos convido a visitar, onde publica as súas opinións sobre libros, espectáculos teatrais, e temas de reflexión entre outros. 


http://davidlife9.wixsite.com/palabradegatsby

David preséntase do seguinte xeito:

Nacín na marítima cidade de Vigo en Galicia no ano 1995. Namoreime da lectura dende que as miñas mans deslizaron as primeiras páxinas dun libro. Supoño que por iso estudo o Grao en Lingua e literatura española na Universidade de Santiago de Compostela.
Fotografía de Pablo Vázquez
Ademais, tiven o pracer de coñecelo en persoa o martes pasado nun café conversado despois de coincidir nas redes e nalgún evento literario. Falamos do tema do seu traballo de fin de grao (relacionado co paisaxismo e a ecocrítica); duns cadernos de Manfred Gnädinger; das súas experiencias aprendendo linguas estranxeiras; da fermosa historia dun maletín de libros que ían da A-Z e que súa nai lle tivo que "xestionar" para que non os lese todos dunha sentada; das aulas de filoloxía e as lecturas obrigatorias, e por suposto de recomendacións lectoras. David é moi fan dos autores galegos e recomendoume Un animal chamado néboa (2016) de Ledicia Costas e O corazón da Branca de Neve (2014) de Francisco Castro.

Por se fose pouco, foi tan amable de responder a unhas preguntas sobre os seus hábitos lectores que vos deixo a continuación, coa promesa de volver falar del na bitácora, porque algo andamos a argallar.


Que libro(s) estás lendo agora mesmo?


Agora mesmo estou lendo Da fría e distante Estrela Polar (Tomás González Ahola, Urco Editora), Gramática del silencio (Eusebio Lorenzo Baleirón, Rinoceronte) e Cabalos e Lobos (Fran P. Lorenzo, Xerais).

Cales dirían que foron os libros que máis te marcaron e por que?

Sen dúbida teño que sinalar a saga de Harry Potter, que foi a que acompañou toda a miña infancia e adolescencia. The Great Gatsby de F. Scott Fitzgerald foi esencial na miña bagaxe lectora porque amosoume que non hai que ter medo aos clásicos. Converteuse sen dúbida nunha obra de referencia para min e mesmo rematou por dar nome á miña bitácora.

Tes un xénero favorito?

Estou acostumado a toda clase de lecturas, dende ciencia ficción ata a novela romántica. Penso que unha lectura é para min cando consegue deixar algo en min con cada páxina.

Cal é ese/a personaxe inesquecible?

Por suposto ó marxe de sinalar a Harry Potter e a Gatsby, é complicado esquecerse de personaxes como Hamlet, Alicia (Alicia no país das marabillas) ou Jim Hawkins (A illa do tesouro)

Tes algún ritual lector?

A verdade é que non sigo ningún método orixinal. Non soporto ler con música ou con algún son de fondo. Polo demais, sempre adoito escoller a opción máis confortable para gozar dunha boa lectura, e se hai un café aínda mellor.

Libro de papel ou e-book?

O eterno dilema. Sen dúbida, eu prefiro o libro en papel. Probablemente para unha viaxe longa nun medio de transporte usaría o e-book. Os dous soportes teñen vantaxes e desvantaxes pero o cheiro do libro físico, sexa novo ou vello, nunca o terá o dixital.

Cales son os teus sitios favoritos para ler

Normalmente a miña casa ou o transporte durante as miñas constantes viaxes de fin de semana da casa a Santiago.

Por que les?

A miña nai influíu un pouco nese gusto na lectura pero a verdade é que dende pequeno conquistoume o feito de ler. Calquera libro valía e mesmo enfrenteime a lecturas que non ían coa miña idade. Estudo filoloxía a día de hoxe así que o meu afán por ler aínda non esmoreceu.

Podes relatarme algunha anécdota que che pasase relacionada cos libros/a lectura?

Polas noites, cando os meus pais me ordeaban que fose a durmir, lía cunha lanterna pequeniña ás agachadas. Un día, a miña nai pilloume con ela e quitouma e logo regañoume e foise meter na cama. A miña nai o que non sabía é que eu tiña outra para emerxencias e continuaba lendo cando ela durmía.

Aparte do blog, que escribes?

Todo lector sempre gusta de escribir algo. Por suposto escribo textos, relatos e algunha que outra composición (de todo menos poética). Teño necesidade de transmitir a través de palabras moitas emocións e pensamentos.

No comments:

Post a Comment