Wednesday, June 28, 2017

Letters in Books: A arte de trobar


A arte de trobar, de Santiago Lopo, é a obra gañadora do Premio Xerais deste ano 2017 na categoría de novela. Constitúese como unha sorte de road movie (en carromato) medieval que segue o percorrido dunha troupe itinirante de artistas por diversas localizacións: Baños, Burgos e Xaca, entre outros. Ambientada no 1.209, durante a cruzada albixense da igrexa católica e o goberno de Francia contra os cátaros, inclúe tamén escenarios franceses como Provenza ou Avignonet.

Bennu” era o lema baixo o que se presentaba esta obra, unha palabra que fai alusión á ave mitolóxica do antigo Exipto, o equivalente do Fénix grego. A simboloxía está servida, e, axeitadamente, a novela ábrese e péchase cun falcón de plumas vermellas que domina os ceos maxestoso, case a modo de invitación a alzarnos e tomar perspectiva.

Mergullamos na historia da man de personaxes vívidos e vibrantes coma Nuno, Máximo, Isahort, e, sobre todo, mulleres coma Elvira, Martine, Delfina, María Balteira, Fadhila ou a priora. Aínda que aparecen binomios de xénero e historias de amor, o certo é que destacan as personaxes femininas, e Elvira, de feito, sobrancea coma líder da bandada, forte e loitadora.

“O efecto de que unha muller interpretase unha cantiga de amigo dáballe moito máis realismo, pois estaban acostumados a que fosen homes quen as cantasen habitualmente” (p.95)

(fala María Balteira) “Farta estou de que se rían de min e me critiquen nas súas trobas. As súas risas ebrias supoñen unha barreira infranqueable para as miñas creacións. Xamais respectan o que fago, nunca admiran as cancións que eu compoño. Róubanmas e din que as escribiron eles (...) Cansa estou, amiga, cansa estou de ser nai, amante e criada de todos eles" (p.109)

“As mulleres deben escoitar a instrución en silencio, con todo respecto. Non permito que elas ensinen, nin que pretenda impoñer a súa autoridade sobre o marido: ao contrario, que permanezan caladas. Porque primeiro foi creado Adán, e despois Eva. E non foi Adán quen se deixou seducir, senón que Eva foi enganada e caeu no pecado. Pero a muller salvarase, cumprindo os seus deberes de nai, a condición de que persevere na fe, no amor e na santidade, coa debida discreción” (p.179)

Alén da cuestión do xénero, enliñando a narrativa de xeito grácil, o fío de dobre febra das linguas. Primeiramente, a máis obvia, o occitano fronte ao latín. E nun segundo nivel, cando nos erguemos á altura do falcón de plumas vermellas, emerxe a reflexión implícita sobre a nosa lingua, o galego, e a súa situación presente e futura.

“Mira para eles, non son da nosa raza, a raza que conquistará o mundo. A súa fala fere os oídos de quen a escoita. Mesmo se atreveron a traducir a biblia e a trobar no seu dialecto imperfecto. Volvede ás cavernas, bastardos incultos. Se polo menos soubésedes latín, malditos corruptores de linguas" (p.71)

“A maioría dos cortesáns eran casteláns. A vosa lingua só a falaban os xograres e algúns trobadores” (p.145)

“O occitano é para o vulgo. Só podemos aspirar á excelencia en latín, a lingua do coñecemento, o vehículo das nosas ensinanzas (...) Como era preceptivo, os alumnos debían falar en latín. Fóra da aula, o prestixio da lingua de Oc decaía fronte ao francés falado polos mestres e estudantes foráneos. O occitano levaba camiño de converterse nunha fala de campesiños” (p.154)

Lopo entra no detalle histórico do contexto do século XIII cunha prosa contemporánea e limpa, incrustando versos líricos, un sensual auto relixioso, cartas e flirteando tamén cun xeito de escribir máis dramático, erótico e mesmo humorístico. E así, da man doutra dimensión significativa, a dos libros, guíasenos cara un clímax suave e misterioso, con final case aberto que admite continuacións.

“Cando por fin posuíse o códice secreto de Rosendus, obtería o coñecemento alquímico que o habería erixir no vencedor de todas as batallas que librase no futuro” (p.54)

“Arnaud reparou enseguida que sobre unha banqueta había unha versión do Novo Testamento, traducido ao occitano”
(p.116)

“A luz da lúa filtrouse no cuarto de Guy de Lille, iluminando o atril onde repousaba un libro voluminoso. Conseguilo custáralle moi caro, pero por fin o tiña entre as mans (...) o seu novo tesouro bibliográfico (...) “Liber Vaccae”
(p.111)

“Un evanxeo de san Xoán en provenzal. Iso era todo o que atoparan nunha casa de Muret” (p.134)
“... aconséllovos que borredes da mente esa curiosidade vosa polos libros prohibidos. Non gañaredes nada xogando ao aprendiz de bruxo. O demo agóchase nas follas dos grimorios…” (p.163)

“É unha obra que vale máis que todos os tratados de alquimia do mundo, que todos os libros de meigallos e encantamentos. Este códice recolle a esencia do meu pobo, a súa beleza, a súa lingua. É a nosa táboa de salvación… porque un día renaceremos” (p.189)

Supoño que axiña gozaredes da novela, que anticipo se ha convertir en lectura habitual nos centros educativos galegos.

No comments:

Post a Comment