Wednesday, August 28, 2019

Literary Walks (VIII): Paris

Dicía Walter Benjamin que París é a gran sala de lectura dunha biblioteca que atravesa o Sena. O certo é que alén de presumir de ser a cidade coa maior densidade de librarías por habitante do mundo,   a Ville Lumière exhibe con orgullo as pegadas de Balzac, Proust, Baudelaire ou Hugo.

Aquí vos deixo unha proposta de itinerario literario por cafés, librerías, bibliotecas, cemiterios e rúas para colleitar versos e palabras da man ao corazón.

Á parte de ser un edificio precioso, contén unha das coleccións máis completas do século XIX e primeiros do XX. Agora mesmo (ata o 22 de setembro) teñen unha exposición sobre Berthe Morisot que merece moito a pena -un dos destaques son os seus cadernos de esbozos e apuntamentos.





2. LE BATEAU IVRE
Na 4 Rue Férou atopamos a poesía de Arthur Rimbaud en liberdade, escrita nos muros. Rimbaud compuxo este poema cando só tiña 17 anos e envioullo nunha carta a Paul Verlaine. Jan Willem, calígrafo e artista, inmortalizouno nun gran formato no muro que permite lelo de vagar e gozar da alegría e a decadencia mesturadas nun mesmo texto. Por que esta localización? Porque Rimbaud o recitou por vez primeira nun restaurante (desaparecido) preto desta rúa o 30 de setembro de 1871.

 

2. CIMITIÈRE MONTPARNASSE
Aínda sen gustarvos os cemiterios tanto como a min, pode que vos interese descubrir os epitafios que elixiron os persoeiros enterrados alí: Charles Baudelaire, Samuel Beckett, Tristan Tzara, Georges Schehadé, Marguerite Duras ou Julio Cortázar entre outros.

O cemiterio Montparnasse é un lugar fermoso, un dos pulmóns da cidade con árbores frondosas flanqueando as avenidas. Sempre podedes atopar algunha sorpresa inesperada, como este libro bookcrossing que encontrei na tumba de Antoine Haumont, xeógrafo francés.


3. L'ENTREPÔT
Preto do cemiterio de Montparnasse, na rúa Francis-de-Pressensé, 14e encóntrase L'Entrepôt, un espazo cultural fundado en 1975 por Frédéric Miterrand onde podedes gozar de actividades varias: xantar na terraza, ver filmes en versión orixinal, ir a concertos de jazz, asistir a un serán poético ou a un café filosófico.



4. LIBRERÍAS, LIBRERÍAS E LIBRERÍAS
Les Oiseaux Rares, a Librairie Anglophone, a Librairie Nicole Maruani, os bouquinistes, a Albin Michel e a librería da Bibliothèque François Mitterrand foron algunhas das paradas desta viaxe.






 5. LE CAFÉ DE LA MAIRIE
Situado na praza Saint-Sulpice, ofrece unhas vistas privilexiadas da igrexa e da fonte. Se tedes a sorte de estar na cidade un martes, poderedes asistir aos "Mardis littéraires de Jean-Lou Guérin", onde un ou dous autores/as presentan o seu libro.  É interesante porque este evento está organizado por un lector e que permite á súa vez que os/as autores/as invitados/as elixan á persoa que animará o encontro. 


 5. XARDÍN JAMES JOYCE
Moi preto da BNF, atopamos o pequeno xardín James Joyce, que agora comparte espazo co xardín da memoria, un recordo dos nenos/as da bisbarra aos 14 nenos/as e 3 adultos que morreron nun incendio do Bvd. Vicent Auriol.




6. HOTEL DU QUAI VOLTAIRE
As placas da fachada recórdannos que Voltaire finou neste lugar e que Baudelaire, Sibelius, Wagner e Wilde se aloxaron nas súas estancias ao seu paso por París.



Desde logo cómpre unha visita á Maison de la Poésie e ás bibliotecas Mazarin e François Mitterand, pero a estes espazos dedicareilles a súa propia entrada.

Alén disto, se camiñamos atentos á poesía, ésta encontraranos en cada recuncho da cidade.








Para saber máis:


No comments:

Post a Comment