Falemos hoxe do emocionante mundo dos cadernos viaxeiros. Como se fai un caderno viaxeiro? Os dous primeiros pasos son os máis importantes e "complexos".
1. O primeiro paso para comezar é decidir que tipo de caderno queremos facer. Podemos facer cadernos temáticos, por exemplo: receitas, música, citas, cidades,... Tamén podemos facer un caderno individual ou como grupo. O noso proxecto traballa con cadernos viaxeiros por clase ou centro educativo.
2. A continuación, buscamos os contactos que queiramos que participen neste caderno. No noso caso, outros centros educativos da comarca, do país, ou internacionais. Unha vez que teñamos a listaxe de contactos, establecemos o itinerario que van seguir os cadernos. Por exemplo: Ribeira - Elda - Taiwan - Alemaña - Negreira. Este paso é moi importante pois sempre recibiremos e enviaremos cadernos ao mesmo centro educativo. Teremos que ter ben tódalas direccións e que todos os participantes teñan claro a quen escriben e facer un calendario de datas en que se deben enviar.
3. Mercamos un caderno que nos guste, e escribimos a primeira entrada, onde nos presentamos: nós, o noso centro educativo, a vila, costumes, aficcións, ... Cando estea listo, enviámolo ao centro que nos asignaron. Non voltaremos a ver o noso caderno ata que faga todo o circuíto! Enviámolo polo mes de outubro e recuperámolo en maio, cheo de entradas interesantísimas.
4. Durante os seguintes meses, recibiremos cadernos doutro centro (sempre o mesmo), uns 4 en total, nas que iremos enchendo novas entradas sobre temas diferentes e que iremos enviando sucesivamente.
5. No mes de maio/xuño chegará o noso caderno orixinal, coas entradas que todos foron facendo ao longo dos meses. Será interesantísimo ler o que os demais escribiron, comentaron, e aprender doutros lugares, as súas tradicións, rutinas,... Imaxinádesvos o debate que se pode xerar na aula?
6. Que facemos cos cadernos unha vez rematados? Podemos empregalos como recurso educativo, ben na biblioteca do centro ou na biblioteca de aula. Tamén existe a posibilidade de usalos como trampolín para un proxecto de investigación sobre aspectos xeográficos e culturais, e facer unha exposición dos traballos dos alumnos xunto co caderno viaxeiro.
Aquí podedes ver un exemplo de caderno viaxeiro que fixen a nivel persoal con persoas de diferentes países.
Continúa a viaxar... estou impaciente por ver o resultado final!
No comments:
Post a Comment