Saturday, September 19, 2015

Sobre este blog

Benvidos ao blog do noso proxecto! 
Soyez les bienvenus! 
Welcome to our blog! 
Benvenuti! 
Willkommen!
Sejam bem-vindos! 
¡Bienvenidos!

Que contentos estamos de comezar este blog, con tanta ilusión polas metas que aspiramos a conseguir e polas actividades que temos planeadas.

Pero empecemos polo principio... one thing at a time!

QUE É "PALABRAS DA MAN AO CORAZÓN"?

Un blog para dar visibilidade a un proxecto que buscar revalorizar a palabra, a palabra escrita a man, a escritura creativa e o papel.

É indudable que vivimos nun mundo rodeado de tecnoloxía e que ésta ten que ser parte das nosas vidas e que felices somos por tela e que nos facilite as cousas! Porén, tamén é indudable que estamos a ver un renacemento da palabra escrita, da tinta e do papel, do encanto de ver algo escrito a man no noso buzón, ben sexa unha carta, unha postal ou unha nota que nos deixan na mesa da cociña ou nos esconden no peto.

Así se pode ver polo número de usuarios en ascenso de páxinas como Postcrossing, con máis de 600.000 membros, e que promover o intercambio de correspondencia entre usuarios de diferentes partes do mundo.

COMO NACEU?

A idea comezou a xermolar desde que en decembro do 2015 me rexistrei na páxina de Postcrossing como usuaria a nivel persoal. O pracer de atopar postais no buzón, de adiviñar de onde veñen polo selo, de ler un cachiño da vida dunha persoa doutro país, intuir unha personalidade detrás da maneira de escribir, da elección dunha postal, de entrever a cultura a través dos selos ou da paisaxe ou obra de arte representada na postal,... non se pode describir con palabras.

Como profesora da Escola Oficial de Idiomas, inmediatamente recomendei aos meus alumnos que se rexistrasen na páxina, pois ademais dos beneficios indicados arriba, tamén está a dimensión lingüística, xa que a lingua vehicular da páxina é o inglés e a maioría das comunicacións entre usuarios ten lugar nesta lingua.

Aínda así, víalle moitísimas posibilidades educativas a esta idea de intercambiar postais, de voltar á escritura a man combinándoa co uso das novas tecnoloxías, así xa estaba a semente do proxecto preparada para comezar a medrar.

QUE PRETENDE?

Este proxecto ten varios obxectivos:

1. Fomentar a colaboración entre diferentes centros educativos de diferentes niveis, desde educación infantil ata adultos. Penso que deste intercambio van saír beneficiados alumnos, profesores e a comunidade na que nos integramos.

2. Aumentar o interese pola escritura creativa ao realizarmos actividades que teñen uns destinatarios específicos en mente, convertindo as habituais tarefas que facemos de clase nunca situación real de comunicación.

3. Mellorar as destrezas escritas do alumnado a través de obradoiros de creación e edición de textos e de actividades de escritura colaborativa que implican a negociación de contidos, selección dun rexistro axeitado e estructuración dun texto.

4. Incrementar o coñecemento e o respecto pola cultura propia e doutros países, engadindo tamén deste xeito un elemento intercultural ás nosas aulas.

QUE ACTIVIDADES SE LEVARÁN A CABO?

A través deste blog iremos informando puntualmente das actividades e accións que iremos facendo, pero a nosa programación para este ano inclúe as seguintes:

- Animar ao alumnado a que se rexistre na páxina de Postcrossing para que fagan un uso persoal e regular dela, incorporando así a escritura á súa rutina habitual.

- Colaborar entre diferentes centros nacionais e internacionais na elaboración duns cadernos viaxeiros multilingües durante o curso 2015-16.

- Intercambiar postais entre diferentes centros coa actividade "pasa o paquetiño", inspirado no xogo británico de pass the parcel.

- Realizar actividades que poñan en valor a palabra escrita como parte das nosas actividades culturais: concurso de microrrelatos en postais inspirados por unha imaxe; obradoiros de caligrafía árabe e xaponesa; escritura de reseñas dun libro en postais para intercambiar cos compañeiros do club de lectura doutras linguas; exposición de postais recibidas durante este curso.

- O culmen destas actividades terá lugar o 16 de abril de 2016, cando terá lugar o Primeiro Encontro Internacional de Postcrossing Galego na localidade de Santa Uxía de Ribeira.

QUE VOU ATOPAR NESTE BLOG?

Entradas multilingües referentes ás actividades, fotografías, comentarios dos participantes e información referente a vindeiros eventos.

De antemán agradecemos enormemente que faledes deste proxecto con compañeiros e amigos, que nos sigades, comentedes e acheguedes as vosas opinións.

Longa vida ás palabras escritas da man ao corazón!

No comments:

Post a Comment