En Galicia segue habendo unha certa sacralización
dos cemiterios, creo que derivada do feito de que a morte segue a ser un tema
tabú. Pola contra, non podo ocultar a miña fascinación por estes lugares. Non
me malinterpretedes, non é un interese mórbido, pero o patio de recreo da nosa
escola (que en realidade era o Teleclube) era o cemiterio, así que creo que os
nenos da miña parroquia compartimos esa despreocupación e case compañerismo cara os
que están baixo terra. De aí que comparta a visión do poema de Celso Emilio Ferreiro e ademáis me guste explorar cemiterios e ler os epitafios,
verdadeiros poemas nalgúns casos.
ESCRITO NA PAREDE DO CEMITERIO
Si os que xacen dentro non poden saíre,
i os que viven fóra non queren entrar
istes rexos muros que coutan as campás
son un monumento da idiotez humán.
Malia que a práctica de dispoñer unha
inscrición sobre a tumba xa se levase a cabo no Antigo Exipto, berce da
escritura funeraria en Occidente, o epitafio como xénero literario ten a súa
orixe na Antigüidade clásica, coñecida como laudatio
funebris e que se segundo o Diccionario de termos literarios (2003:146) pode
estar escrito “en prosa ou en verso, e convida á lembranza dun ser desaparecido
e propón unha reflexión sobre as súas calidades ou sobre a morte en xeral.
Ademais, en canto aos temas dos que se ocupa, relaciónase cos tópicos
literarios temporais coma o ubis sunt, o contemptus mundi, o memento
mori e o carpe diem".
William Wordsworth publicou en 1810 unha
interesante colección de ensaios titulada Essays upon Epitaphs, reflexión de carácter metafísico sobre a morte que vencella
o acto de morrer co acto da escrita e presenta o epitafio coma unha inscrición
que une o mundo dos vivos e o dos mortos. Comparto esa visión do epitafio como
ponte entre dous mundos e o seu carácter de "carta" póstuma.
Ademais, en Galicia temos unha tradición
xenérica relativa aos epitafios. Temos aos galegos Álvaro Cunqueiro que escribiu poemas elexíacos e a Celso Emilio Ferreiro co seu Cimenterio privado (1973), divertidísima
colección de epitafios de tipos humanos estereotipados coma “O optimista”, “O
treidor” ou “O sentimental”. E máis recentemente Miguel Anxo Murado co seu Lapidario,
que lin por recomendación dun alumno, Alejandro
Amor, e do que gocei de verdade, pois Murado explota a natureza
epigramática do epitafio ás veces con intencións humorísticas e outras con afán
sintetizador.
Ben podía citarvos algúns dos epitafios
dese libro, pero tráiovos hoxe un de Kirmen Uribe (1970), a quen tiven oportunidade de escoitar en Pamplona recitando un par de
textos do seu poemario Bitartean heldu
eskutik (Mientras tanto cógeme la mano). Ademais de poeta, é autor de
proxectos multimedia nos que combina a poesía con diferentes disciplinas artísticas.
O poemiña está inspirado no
epitafio do poeta inglés John Keats (1795-1821). Como contexto, dicirvos que John Keats quería
que se incribise no seu epitafio: “Here
lies one whose name was writ in water” (aquí descansa un cuxo nome se
escribiu na auga). Ao parecer a frase tomouse de Beaumont and Fletcher’s
Philaster (“all your better deeds / Shall
be in water writ”). Pero o que pasou é que Joseph Severn, o que o coidou ata
que morreu, e o mellor amigo de Keats, Charles Brown, engadiron un contexto un pouco máis acedo e crítico, acto que despois lamentaron: “This grave contains all that was mortal of a
Young English Poet, who on his Death Bed, in the Bitterness of his heart, at the
Malicious Power of his enemies, desired these words to be Engraven on his Tomb Stone: Here Lies One Whose Name was writ in Water” (esta tumba contén todo o que era mortal dun novo poeta inglés que, no seu leito de morte, na amargura do seu corazón, e ante o poder malicioso dos seus inimigos, expresou o seu desexo de que estas palabras se gravasen no seu epitafio: aquí descansa un cuxo nome se escribiu na auga).
DEL EPITAFIO DE JOHN KEATS
(Kirmen Uribe)
Escribid mi nombre también en el agua,
que en nuestra tierra es la lluvia
quien define la silueta de los hombres
No comments:
Post a Comment