Achégase o gran día! Como sabedes, o día 16 de abril terá lugar o Primeiro Encontro Internacional de Postcrossing en Galicia, en Santa Uxía de Ribeira, e xa aparecemos alistados na páxina oficial de Postcrossing.
Os encontros de Postcrossing son organizados por membros da comunidade porque, como eles mesmos indican na descrición, o intercambio de correspondencia postal é estupendo, pero son as persoas e as conexións creadas as que o fan especial. Entón é normal que se fagan estas reunións ou "quedadas" para coñecer aos individuos detrás dos textos escritos.
Por que se fai este encontro?
O noso encontro é de carácter informal, organizado por min mesma con varios obxectivos:
- quedarmos o máximo número de persoas posibles participantes no proxecto de "Palabras da man ao corazón", tanto profesorado como alumnado, para conversar e intercambiar impresións sobre o seu desenvolvemento durante o seu primeiro ano de andadura e suxerir propostas de mellora.
- facer un exercicio de escritura creativa conxunta de todos os asistentes para responder ás postais que fomos recibindo durante todo o ano e que podedes ver neste apartado do blog.
- coñecer a outros membros de Postcrossing en Galicia.
- dar a coñecer aspectos menos coñecidos da cidade de Ribeira aos nosos visitantes.
Quen pode asistir?
Calquera persoa interesada. Poden asistir tamén nenos/as se están supervisados por un adulto.
Cal será o programa de actividades?
O encontro durará aproximadamente desde as 11.30 da mañá ata as 5 da tarde, e estas serán as actividades que se levarán a cabo:
11:00 - Encontro dos asistentes na entrada do IES número 1 de Ribeira, o centro onde está localizada a nosa sección da EOI. Desde alí faremos grupos para organizar a busca do tesouro da cidade (en inglés) que durará aproximadamente unha hora.
12:30 - Encontro na Praza do Concello e visita a tendas locais para mercar postais (quen o desexe) e a correos para os selos.
13:30 - Comida no Restaurante A Dorna (agradecería que os/as interesados/as mo comunicárades ao meu correo dpastoriza@eoisantiago.org).
16:00 - Visita á exposición de postais na Biblioteca Municipal de Ribeira e escritura conxunta de postais multilingües (maiormente en inglés, galego e castelán) do encontro.
Que preciso levar?
Non é preciso traer nada, pero recoméndase traer o seguinte:
- Un dispositivo móbil (smartphone ou tableta) para poder realizar a busca do tesouro (é suficiente con que un membro do grupo o teña). Basta con un por grupo.
- Bolígrafos de cores e/ou pegatinas. A moita xente gústalle a "arte postal", daquela decora as súas postais con debuxos, pegatinas, selos antigos, etc.
- Postais e/ou selos. Aínda que haberá oportunidade de mercalos en Ribeira, tamén se poden traer postais e selos que xa teñamos na casa e nos gustaría enviar.
No comments:
Post a Comment