A obra de
Stefan Brüggemann (Cidade de México, 1975) insérese na tradición conceptual que toma como base a linguaxe, as
palabras e as definicións para abordar aspectos sociolóxicos e culturais dun xeito diferente.
|
Foto de Jean-Luc Moulène |
Obriga ao espectador a reler a linguaxe que caracteriza a nosa civilización contemporánea e ollar o entrenzado da alta cultura coas culturas populares. Cruza os símbolos e as iconografías visuais da historia da arte con soportes de aglomerado, graffiti e aerosois, levándonos a examinar as contradiccións lingüísticas da vida cotiá, poñendo en cuestión a rixidez do politicamente correcto pola falsidade e a hipocrisía que contén.
A continuación déixovos unha escolma de fotografías xunto con algún comentario tirado do
folleto da exposición e extractos da entrevista de
Jérôme Sans ao artista.
Na primeira sala da exposición as paredes que circundan o espazo baleiro foron empapeladas cunha diminuta frase - Conceptual decoration (2008-2016) -, case unha contradición, un oxímoro, que abre un dos debates cruciais da arte actual: a fricción entre unha arte de ideas, conceptos e protestas de acción e unha arte da pintura á que se sinala como responsable do decorativo. Conceptual Decoration é unha autodefinición da obra, unha descrición, pero sinala tamén os modos e as actitudes decorativas que asumiu hoxe a arte conceptual.
Timeless (2016) é unha peza monumental: un gran muro de espellos sobre os que o artista interveu con graffiti e pintura branca. Unha parece luxosa onde se plasmou o xesto extremo da rebeldía. Fusión e fricción entre a representación do luxo e, máis que a vontade, o xesto de aldraxar.
"Creo que a linguaxe é moi importante na nosa sociedade, é unha forma de comunicación, e coido que este século foi definido pola comunicación e non polo contido, que forma parte do relato. O noso século presenciou un estoupido do vehículo da comunicación pero o contido é o eu que, unido a outros eus, forma unha ideoloxía común"
(Stefan Brüggemann)
"A miña arte está na liña do pop conceptual, que son dúas ideas que se contradin. Ao final podería ser publicidade pero tamén podería ser política, pode ser abstracta. Ten múltiples formas"
(Stefan Brüggemann)
"Para min iso é tamén un acto importante da escritura: o momento en que temos moitas mensaxes, unha enriba doutra, e todo se volve abstracto. Un texto pódese converter en algo abstracto. Pasa o mesmo coa sociedade actual. Temos moita información, pero ese cúmulo de información volve o mundo abstracto. Vivimos nunha época abstracta"
(Stefan Brüggemann)
"Creo que a abstracción ten máis poder hoxe en día. As palabras e as imaxes xuntas vólvense moi poderosas, fusionándose para seren relevantes a través da abstracción. Porque a abstracción é algo que non entendemos e non coñecemos. É algo intuitivo. Agora mesmo o mundo está nese estado: pura intuición e pura abstracción"
(Stefan Brüggemann)
"... Por iso me gusta a idea do espello porque reflicte o que é a sociedade, e neste mundo capitalista reflicte a especulación. Pode comentar sobre a configuración do presente e determinar que é o que vai vir despois, como se comportarán as cousas, cara a onde irá o mercado, onde se atopan os nos investimentos, que decisión hai que tomar para ter éxito e sobrevivir"
(Stefan Brüggemann)