Na devesa do Generalife, ao leste da cidade, bebendo das mesmas augas que a Alhambra, atopamos o cemiterio de San José. Construíuse a partires do Cementerio de las Barreras (1805) cando unha epidemia de febre amarela asolou a cidade.
10.000 metros cadrados e 19 patios que foron construíndose de xeito caótico segundo rexían as modas de cada época, sen plan ningún de desenvolvemento integral e harmónico. Encontramos de todo: edificios de nicho, de párvulos -desgarradores, por certo-, columbarios, bóvedas, pérgolas, panteóns e tumbas, zonas de xardín e recintos relixiosos.
Emucesa é a empresa municipal que xestiona o seu mantemento, con non pouco rebumbio arredor dos servizos que presta, coma as exhumacións masivas de defuntos sen avisar ás familias. Os traballadores que alí estaban o 12 de outubro comentaban como ata na morte hai que seguir pagando pois os desafiuzamentos non entenden de estado vital.
Alén destas cuestións de xestión, o cemiterio é unha fermosura. Está na lista de Bienes de Interés Cultural da cidade, incusión máis que xustificada. A arquitectura e escultura funerarias son riquísimas, de épocas variadas e de artistas locais e foráneos. Tamén conserva os restos do Palacio dos Alixares (S.XIII-XIV) xunto coas canalizacións de auga instaladas polos franceses no século XIX.
Ten a súa historia negra, exposta nos buracos de bala das tapias do cemiterio. Os sublevados levaron a cabo fusilamentos masivos neste emprazamento (as cifras andan entre os 4.000 e 5.000). Hoxe, un muro de metal recorda os seus nomes, e o lugar foi declarado lugar de memoria histórica de Andalucía.
O patio islámico de La Rauda, alonxado do cemiterio e seguindo un camiño de terra, foi construído en 1936 (ou 1937, non atopei datos exactos) para enterrar os caídos da Guardia Mora de Franco. Foi recentemente rehabilitado e hai só unha persoa adicada ao seu mantemento, que o fai con mimo e feliz de compartir a historia do lugar. Consta dunhas 200 tumbas e nel entérranse os musulmáns empadroados en Granada e área metropolitana.
No comments:
Post a Comment