Sunday, November 3, 2019

III Encontro Galego de Postcrossing: Mostra de postais

Como vos anunciamos onte, o día 23 de novembro de 2019 terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa (Carballo) o III Encontro Galego de Postcrossing. Estes encontros constitúen unha oportunidade de conectar con persoas interesadas na comunicación escrita en versión analóxica (postais) e de desvirtualizar a outras coas que interactuamos nas redes sociais.

Do mesmo xeito que fixemos nas anteriores xornadas en Ribeira e Pobra do Caramiñal, preparamos unha exposición no primeiro andar da Biblioteca Rego da Balsa coas postais da colección persoal. Nela podedes ver cartóns de diferentes países do mundo, organizados en grupos que me parecen interesantes: postais turísticas, ilustracións, postais relacionadas coa arte, ou coa gastronomía. Noutro dos expositores tedes unha mostra da miña colección persoal de postais e selos de faros. Nun último grupo máis ecléctico podedes ver:
  • chain cards, é dicir, postais que non teñen texto senón que só enviamos e completamos con selos ben de temática libre ou cun fío condutor (o teatro,  diversidade funcional, música e cantautores, literatura, etc);
  • exemplos de postais que recibín doutros encontros de Postcrossing;
  • mail art en sobres e postais;
  • o anverso de postais de diferentes países escritas en diferentes linguas.




Ademais, na pranta baixa hai un estante coa miña pequena biblioteca de libros relacionados coas cartas. É a miña pequena ofrenda a unha biblioteca que a min tamén me deu moito.

Convídovos a que pasedes pola Biblioteca Rego da Balsa para curiosear tanto nos libros como nas postais e vos animedes, se vos apetece, a deixarme as vosas impresións por escrito no seguinte enderezo:

Diana Pastoriza
Apartado de Correos 201
Rúa do Franco nº 4
15780 Santiago de Compostela

1 comment: