O mundo da literatura non é tan illado como podemos pensar, pois os/as escritores/as non traballan no baleiro, senón que se nutren da creatividade, emoción e espírito doutros. Esa influencia vai ás veces alén do eido literario, incluíndo a inspiración moral e espiritual, como se intúe nas dedicatorias ou os versos alleos que preceden aos propios, que son un xeito de rendir homenaxe ou quitarse o sombreiro ante a escrita ou imaxinario do/a outro/a.
Eu só son escritora na acepción 1 do dicionario (no de lingua castelá, porque no de galega vexo que só existe unha), pero mesmo así débolle moito a moitos/as escritores/as, especialmente aos/ás poetas, aos que amo pola súa inmanencia máis que pola transcendencia, e porque fan cousas incribles coa lingua creando dados poliédricos que xogan co meu corazón, ás veces agarimándoo e outras golpeándoo.
Unha desas combinacións de agarimos e sacudidas tivo lugar durante o mes de agosto na Biblioteca Pública Rego da Balsa, en Carballo, co obradoiro de creación literaria “Hibridar o imaxinario” (posible grazas á Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura, e coa colaboración do Concello de Carballo). O obradoiro, impartido por Rosalía Fernández Rial, foi un luxo e unha marabilla de experiencia de aprendizaxe, non só polos contidos e o interesante xeito de traballar de Rosalía, gran mestra, senón tamén pola variedade existente entre os asistentes ao obradoiro: Álvaro, Antonio, Belén, Carme, Carolina, Élida, Elvis, Francisca, Gelasio, Gema, Ika, Irene, Juanjo, Lola, Rosamar e Santi. As miñas expectativas víronse máis que cumpridas e de todos/as me levo un algo que me achegaron a nivel persoal e literario.
Ademais, a última sesión foi impartida polo poeta Paco Souto, de cuxos versos falamos xa nunha entrada anterior.
Despois de facernos reflexionar sobre tres aspectos da escrita poética (lingua, estilo e personaxes), Paco propúxonos empregar un texto del, “Metamorfose”, pertencente ao seu poemario e Caín, como pretexto ou base para facer unha reescritura, unha reinterpretación do tema nun máximo de dez liñas.
Este foi o meu texto:
POST-APOCALIPSE
Buscas nas cicatrices
das miñas pálpebras
os fósiles da terra
que me xunguiu.
As cadeas das pupilas
impídenche medir
a magnitude do cataclismo.
Anégaseche o corazón
mentres Medusa che rouba
a retina.
Ademais e aproveitando que a libraría Aira das letras convocaba o seu 5º concurso de micro-relato fantástico, enviei un texto inspirado neste poema orixinal, modificándoo para que se axustase ao tema “Os misterios da lagoa da Antela”. E velaquí vos queda:
Apoteose da metamorfose
As badaladas das sereas do campanario ecoaron no val, preludio da maldición apocalíptica. Retumbou nos nosos oídos o berro pétreo de Medusa, que nos encadeou as pupilas e nos obrigou a arrincar a pel.
O Limia, ansioso, mirou con degoiro os nosos corpos despelexados. Serpenteou polo val e lambeu violentamente a infección da nosa alma. Cos seus dedos líquidos, pintounos branquias de violeta intenso mentres os nosos berros afogaban. Rebentáronnos os pulmóns no choque contra a parede de algas, brillo turquesa escintilando no profundo.
Por fin, cesou o cataclismo. Aterramos na area do círculo lunar coas nosas colas de tritón facendo pliés de bailarinas. Os dedos rizáronse en aletas que ondearon na aperta do mar. As nosas meniñas vestiron gabardinas caleidoscópicas mentres as linguas bífidas tanguían a dozura do sal.
Ninfas, sereas e tritóns ao servizo do rei Artús ancoraron as dedas na cachemira dos limos e comezou a festa do bico do dragón.
No comments:
Post a Comment