Tuesday, July 10, 2018

Letters in Books: Ardalén


Tiña razón a libreira d'A gata tola, Ardalén (2012) é unha fermosura ante a cal a única opción é namorar.

Este emotivo relato de Miguelanxo Prado reconstrúe a historia de Fidel "o náufrago", un emigrante a Cuba. En realidade buscamos a historia de Francisco Lamas, o avó de Sabela pero, retallo a retallo, remexendo no "caixón emburullado" (p.24) da memoria de Fidel, iremos xuntando as pezas dun crebacabezas surrealista e universal que é máis grande que a vida deles mesmos.

Prado danos poucas oportunidades de coñecer ao protagonista. Coma os peixes voadores, seguimos os trazos do lapis para escapar da negrura do fondo da emigración, a ausencia, a perda da memoria e a dor.  Nas palabras atopamos as caricias do vento ávrego que dá título ao libro erguendo remuíños no camiño cara as estrelas e deixando o ronsel dunha sutileza tépeda que escorrega por ese relato que é océano.
"Eu, de pequena, fun topando pegadas del... esquecidas ou agochadas: unha foto, algunha das cartas..." (p.22) 
"Os recordos, que son moitos, van e veñen sen que consiga colocalos. Nunca estou seguro de que sucedeu antes ou despois, báilanme os nomes, as caras... É coma se o libro da miña vida alá se desfixese e me quedase nas mans unha presada de follas esparexidas que non dou ordenado de novo" (p.37) 
"Somos o que recordamos e o que os outros recordan de nós" (p.59) 
"Tantos anos e segues rumiando aquilo! Aquí encerrado, rodeado destes peixes do carallo, que me poñen nervioso, escoitando, noite tras noite, estes laios que dis que son cantos de baleas, que é como beber a tristeza a grolos..." (p.81)

No comments:

Post a Comment