Todos temos recordos de anécdotas e experiencias vividas na escola, mesmo aqueles, como meus avós, que non pasaron tantas horas alí nin puideron ir tanto como quixeran. Esas instantáneas mentais tan vívidas funcionan tamén como nexo de unión ao evocar vivencias e contextos semellantes. Por iso vos gustará a mostra que pode visitarse ata o vindeiro 3 de marzo de 2019 no Museo Centro Gaiás. E xa nin vos conto se sodes docentes.
Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra é unha exposición artellada en torno a tres eixes temáticos: a escola da época, o vínculo de Castelao coa docencia e o cadro central da exposición, A derradeira leición do mestre. Se podedes asistir á visita comentada, a experiencia será moito máis rica, pois por unha banda, hai aspectos que se comentan en máis detalle (como a conexión entre as pezas) e ademais, en comparación cos fondos sobre Castelao que podedes ver no Museo de Pontevedra, a mostra é pequena, co cal desde logo a visita guiada dótaa de maior sentido e contido. No noso caso, o guía foi Javier Raposo que foi quen de incitar ao pensamento profundo e á observación atenta, convidándonos a lanzar un búmerang unindo cada peza coa seguinte na súa traxectoria.
Comezamos coa fotografía que abre o espazo expositivo, tomada o 17 de agosto de 1945 no Centro Ourensán de Bos Aires, Nesa imaxe identificamos a Fernando Iglesias "Tacholas", Maruxa Boga e o propio Castelao entre outros, rodeando o busto de Alexandre Bóveda feito por Domingo Maza. Un breve apunte sobre Alexandre Bóveda e o cruento tiro no peito.
De aí a poñer en valor o comisariado da exposición, a cargo de Xosé Manuel Seixas, así como o termo do título da exposición magister, no sentido máis poliédrico e amplio da súa acepción en latín. Nos mestres céntrase a primeira sección, con estampas que Javier nos invitou a analizar desde o punto de vista educativo, estilístico e social. A Lei Moyano de 1857, o concepto brechtiano de arte que non é espello, senón "un martelo para darlle forma", o Castelao autodidacta que foi político, médico, ensaísta, caricaturista e pintor, as misións pedagóxicas e unha tasa de analfabetismo do 81% nos homes e o 94% das mulleres no 1931 foron algunhas pinceladas que nos axudaron a enmarcar cada unha das viñetas.
Entre as estampas hai 3 de coleccións privadas: Que ten o mozo?, O escondite e o debuxo orixinal do símbolo de identidade da editorial Nós.
O matrimonio con Virxinia Pereira e as responsabilidades que ela asumiu, as numerosas viaxes e a súa faceta de médico e pintor serviron de transición vital ao afondamento no preludio da imaxe icónica que centra a exposición. A derradeira leición do mestre é a estampa 6 do Galicia mártir número 6, un álbum de guerra que sae no contexto de paseos pola noite e disparos en cruces de camiños e soutos. Un exemplo dos 699 mestres represaliados, unhas 300 delas mestras que sufriron tamén "a rapa".
Pechamos o círculo que se abrira con Alexandre Bóveda e, como nesa última páxina de Montedidio, estamos preparados para o exercicio co búmerang. Á inversa que o protagonista, recollémolo no peito, miramos á esquerda e deixamos que encha a pupila a desgarradora imaxe.
Parabéns a Javier Raposo por unha visita moi ben fiada de principio a fin.
No comments:
Post a Comment