Tuesday, December 25, 2018

Realm of Books (V): Gallaecia

Nunha calella estreitiña do núcleo histórico de Noia hai un edificio con veas de letras e corazón de palabras. 



Gallaecia é unha libraría envolta por un pericardio tímido que a mantén no seu lugar. Postais e fotos ancoran o territorio no diafragma espacio-temporal que sobe e baixa domado polo capricho dos seus donos. "1168-2018" reza un cartel que flirtea coa caducidade. Porque o tecido da vida, coma o  das historias, é un líquido  que flúe constante e vivo ante a transitoriedade. Só nos queda achegar os nosos dedos ao pulso carmesí das páxinas para albiscar apenas a súa constitución e calibre. 





A estrutura anatómica interior está dominada do teito ao chan por veas de madeira que acubillan o osíxeno vital das palabras. As de Castelao, Pizarnik, Borges, Cortázar, De Luca ou Storni axudan a regular a temperatura corporal do visitante. En finísimas arterias repousan as letras de metal agardando deixar cicatrices na virxindade do papel.

E no centro, vixiante, un corazón, unha bomba que rexe e mantén a cantidade e calidade do líquido tisular: Lois Agrelo, un apaixoado dos libros que comezou hai 25 anos unha colección particular para fuxir do estrés que lle xeraba o seu traballo.  Buscaba volumes que non se reeditaron daqueles exiliados en América coma Arturo Cuadrado ou Luís Seoane e comezou a mercar por internet e a constituír unha colección de textos que "era doado conseguir porque alí non os valoraban"






A colección foi medrando pois xa tiña o becho dentro, ese que fai que o que "o que realmente [goce] é a caza, a busca, o rastrexo". Acabou precisando un espazo propio, de aí que mercasen o edificio no que se atopa Gallaecia, dous andares cheos de libros que están coidadosamente inventariados na web, incluíndo todo tipo de detalles coma o seu peso ou o seu estado de conservación.

Entre eles, un grupo de libros especiais: os daqueles viaxeiros que pasaron por Galicia e recolleron as súas impresións sobre a terra, a nosa xente e as tradicións e costumes. Nina Epton, Aubrey Fitz Gerald Bell ou Ruth Matilda Anderson, que tamén tiveron o seu protagonismo na vitrina deste espazo. 



Lois é detallista e non só garda libros, senón tamén os folletos de exposicións que foron fitos neste país, como a primeira sobre Ruth Matilda en Galicia no ano 1998.

Este home é tamén unha válvula mitral que se abre e pecha continuamente controlando con mestría o fluxo das historias, ben sexan do mercado de edición británico, da Hispanic Society of America, da madeireira punteira de Porto do Son, a biografía tráxica de Delmira ou as últimas exposicións do Prado.

Convídovos a visitar este espazo do que unha sae coa alma apaciguada, o ciclo cardíaco ralentizado e un par de fascículos apretados contra o peito. O de His xa está dentro e o de Noia pide entrada.


No comments:

Post a Comment