Tuesday, April 9, 2019

The Heart in Poems: Xela Arias


SE ME ACONSELLO

centro de pallas este corazón esperto
quixo ignora-los devastados
e foi coma con tempo abri-los regatos e 
saíren ouveando as bestas ós camiños
desconsoladas
sen fillos
para logo deitarse na raxeira
cara ó último suspiro das luces
regresarse
e ablanda-los carreiros todos de puntillas

coma un soño e logo un soño imposible
despois un terrorismo de soños
-pero nada, ai-
...¡o meu soño edificado
cada instante que os fentos adormecen
os detalles dos cristais!
"que a realidade te acompañe"
Entón descompoñe-los tránsitos discordes 
e é miña a viaxe
que me recolle 
aínda 
despois de todas derrotas

-inexistentes-

Monday, April 8, 2019

Hands in Poems: Ismael Ramos (III)



AS MANS

I 

Suxeitáronnos as mans con cravos ata adoptar a forma do reclamo.
Sopramos para liberarnos.
Alguén lle chamou canto ao noso xesto.

En Lumes (2018)


Sunday, April 7, 2019

Hands in Poems: José Ángel Valente (IX)


HAY una leve luz caída
entre las hojas de la tarde.
No podemos hollarla.
Dame
tu mano y cruza
de puntillas conmigo
para nunca pisarla,
para no arder tan tenue
en sus dormidas brasas
y consumirte lenta
en el perfil del aire.

(Segunda oda a la soledad, fragmento)

En Fragmentos de un libro futuro (2000)

Saturday, April 6, 2019

Words in Poems: Lois Pereiro (II)




(... and after the last love song, I wrote
all this for them, for her, for you...)


I

A INMERSIÓN no silencio é o que distingue
ós que aman con espírito suicida
dos que somentes son
un soño breve.

Na viaxe nocturna que emprendemos
polo interior dun corpo diferente
un acto de amor é un fluido urxente
de suor bágoas e esperma
contra o medo

palabras desarmadas
desexos que se perden
na néboa de mil noites
entre as sabas revoltas
polo feroz presente
de dous corpos que se esquecen.

xuño, 95


En Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

Friday, April 5, 2019

The Heart in Books: Feliz Idade


Hai un libro-bisagra:

"O tempo actuou coa lección dunha bisagra: o primeiro día que ti puideches, con grande alborozo, baixar soíña as escaleiras da casa foi o día en que el non puido baixalas só" (p.7)
A bisagra non é de metal, senón lixeira, bolboreta con ás inzadas de terminacións nerviosas cuxo po non deixa pegada. Abren e pechan, e con cada movemento accedemos á verdade e transparéntase a beleza. A fermosura da negociación entre entradas e saídas do corpo e do corazón para conseguir que "toda herdanza sexa a do amor e non a da propiedade" (p.9). Porque as ás son unha do pai e outra da filla, pero o corpo central é o da "mamá" á que vai dedicada o libro, da que escribe, da que le, da nai.

A felicidade non é tan elusiva se a pensamos como a feliz idade na que a bolboreta desprega con plenitude as súas ás complementarias, eros e thanatos. A felicidade é entón unha celebración profundamente humana do nacemento ao tempo que enfrontamos o medo e a dor ancestral da ausencia.

A bisagra non pesa, é etérea. Unha lixeireza benvida que Novo consegue usando o poder da palabra para destilar toda a vida nun momento poético. Devastadoramente declarativa por veces - outras confesional e reveladora. Non hai parpadeo nos ollos, sería un obxectivo demasiado fácil. Cada golpe das ás son ciceladas de lírica matemática para acceder á verdadeira meta: deixar o corazón lisiño coma un canto rodado erosionado polo tempo.

Hai espazos entre os versos, bocados de aire, pausas necesarias. Pero, non nos enganemos, se erguemos os ollos da páxina, sentiremos a vertixe da exploración sen concesións nin adobíos. Estamos a asomarnos ao borde dos cantís.

Hai un libro-bolboreta e a súa iridiscencia alegra á mesma feliz-idade.

"... e báteche o corazón por primeira vez
coma se caera unha pedra no centro do mundo"
 (p.17)
"Ah       e agora
que teño dous corazóns
vou saber por fin como latexa un leiro en primavera
cando rompe a herba e tódalas substancias subterráneas
poñen a funcionar a poesía de verdade os seus
               ventrículos que non se ven
o sistema circulatorio da rima interna tan profunda
coma o corazón do tubérculo agora
que teño dous corazóns" (p.22)

"Antes de que ti chegues 
as ascuas deixarán de estar en ascuas para acenderte a ti
e a morte non terá dominio como dicía Dylan Thomas
corazón"( p.36)

"Porque á fin
papá
te dirixes a min sen orde nas túas ordes
e desfás a sintaxe igual que debullabas fabas
e todo cobra o senso profundo daquilo que non ten lóxica
nin está sometido a nada"  (p.60)

"Eramos tres: meu pai, eu e a vida.
Eramos tres: meu pai, eu e a agonía.
Eramos tres: meu pai, eu, e o meu amor que viña" (p.67)

"Porque na beleza da terra escriben con tinta
os vosos corazóns
eu aprendo" (p.96)







Thursday, April 4, 2019

The Heart in Poems: Olga Novo



Coma se caera unha pedra no centro do mundo
e o seu eco se sentira máis aló dos sentidos.
Coma se un xesto dun antepasado meu de súpeto volvera
á existencia
a engrandecela anulando o tempo
e tócalas campás tocasen a vida nos altos campanarios
do sangue.

Coma se o mundo caera no centro dunha pedra
e o seu sentido se sentira máis aló do eco
e a poesía perdera o coñecemento nos brazos do amor.

Coma se de súpeto eu fose máis humana e por iso entendera
a débil constitución da mente
que treme
coma unha avelaíña ante unha bombilla de 40 vatios.

Igual que se caera un pozo no centro de min
e o fogonazo que produce un milímetro de vida
me propulsase ao centro dun milímetro de min caendo
nun pozo

tan só 
porque unha diminuta esfera grandiosa
se me está a formar dentro
e os meus tímpanos imperfectos non poden oír aínda
a súa rotación dentro do bosque de cromosomas.

Coma se Deméter amarrada ás miñas entrañas
arrastrase coa grade do amor a Perséfone á superficie
e a primavera
vencese para sempre
e o Inferno xa non terá dominio
e o Inferno xa non terá dominio.

Porque un rabaño de lobos te pasean ao lobo do meu
ventre
eu son un on-halos só no medio do universo
facéndote
feliz

criatura.

Coma se caera unha pedra no centro do mundo
retumba toda a miña materia individual
a conciencia astral da persoa
que se asoma
a un fogonazo e ve máis a poder de luz
que de sombra.

Porque vou en min catapultada a un misterio
coma un pole transportado por abellas
á matriz da existencia
absorta no quietismo absoluto de todo canto se move.

Déitome sobre a herba da aira
pensando en Mitrídates rei do Ponto
no labirinto de Borges
na Dánae de Klimt e no ciclón somático
que é o meu soño.

E así sentada
agarrada ás arandelas da miña córnea
contemplas só o profundo
e báteche o corazón por primeira vez
coma se caera unha pedra no centro do mundo

En Feliz Idade (2019)

Tuesday, April 2, 2019

Words in Books: Hotel para coleccionistas discretos



Diego Giráldez abre a súa segunda entrega, Hotel para coleccionistas discretos (2019) cun paseo para afrouxar as pernas:

"Non soporto a mañá con ese olor a carne frouxa. Gústame saír polo portal e evitar a colonia barata desas horas. Porque cheiran a colonia de droguería lanzada por unha deportista famosa" 
É unha boa cousa porque, como xa fixera nos relatos de Galería de saldos (da que falaramos aquí), colócanos nun ángulo incómodo e desacougante desde o que observar o desenvolvemento duns acontecementos envoltos nunha atmosfera  perturbadora, dun horror latente.

Un Continente que alberga a seres desprezables, insolentes, cínicos e solitarios:  Amalia Valverde, Andrés Caibo, Eduardo Lapique, Martín Lombao, Carlos Mora e Manuel Arce, "os meirandes coleccionistas de antollos da patria" (p.18). Asesores, xornalistas, traficantes de órganos e empresarios con  "vida[s] de fume" e "axenda[s] insoportables" (p.43), cuxos pulsos se aceleran ante a perspectiva dunha nova peza para as súas coleccións.  Tan aburridos de xuntar cacharros que, nun momento dado, deciden coleccionar emocións.

"Acumulamos obxectos inútiles e ninguén nos obriga a sentirnos orgullosos deles. Rexeitamos a idea dun obxecto final que remate a colección porque suporía a rendición. Por iso nunca damos unha colección por pechada. A vida é gris se non hai ambición" (p.34)

Neste universo baleiro, os hoteis son "cárceres da distancia" (p.35), os homes controlan todo "menos a súa conciencia" (p.38), os mortos levan lentes do sol, a plenitude é un disparo no peito, os voos fanse en albornoz, os mendigos recitan a Wilde e a crueldade son unhas costas pegadas a unha bañeira.

Neste cosmos, o Continente é "máis fráxil que nunca. É de cerámica de vidro, de casca de ovo, de xiz, coma o equilibrio da natureza, coma Somalia" (p.39). Cunha voz por veces densa e por outras conversadora empúxasenos á exploración das profundidades crípticas da psique de personaxes descolocados por unha existencia azarosa.

Giráldez ten unha habilidade especial para meternos na cabeza dos seus narradores orballando o relato con ironía, pingas de humor e lirismo. Remata a historia e queda unha pensando nas coleccións propias, se o cuarto que ocupas no Continente non precisa airear, e se a túa maleta non gardará xa demasiadas penas no seu interior.
"un matrimonio intenso inaugurou unha tenda de produtos ecolóxicos chamada Quinoa eres tú" (p.26)
"...colleu unha das coroas e, igual ca unha acabada de casar, lanzouna cara atrás mentres dicía: "A ver quen é o seguinte" (p.17) 
"Foi unha elección acertada: do deber de finxir ser feliz a xornada completa conseguiu selo de verdade" (p.49) 
"Aquel par de mendigos cheiran dende aquí. Que barbaridade. O que parece máis novo leva un cartel ben simpático, dende logo: "Produto Interior Triste" (p.64) 
"Non é unha cidade cunha grande historia; un século, nada máis. Por iso ninguén se atreve a organizar aquí unha festa medieval. Todas as rúas teñen nomes compostos e ridículos: rúa dos Motivos Suficientes, avenida das Náuseas Constantes, rúa do Lavabo de Traidoras" (p.79) 
"Foi unha das últimas noites da nai de Lara Escariz, que un día decidiu nacer para manter en pé un negocio, repudiar os hoteis de medio mundo, coleccionar para ter unha escusa, enfermar e morrer. esa foi a produción da súa fita. A tristura da mecánica" (p.91) 
"Unha maleta aberta sobre a cama dun hotel é un adianto da melancolía. Para ben ou para mal, penas pegadizas quedan amarradas a cada unha das roupas que volven á casa" (p.103)