Coma se caera unha pedra no centro do mundo
e o seu eco se sentira máis aló dos sentidos.
Coma se un xesto dun antepasado meu de súpeto volvera
á existencia
a engrandecela anulando o tempo
e tócalas campás tocasen a vida nos altos campanarios
do sangue.
Coma se o mundo caera no centro dunha pedra
e o seu sentido se sentira máis aló do eco
e a poesía perdera o coñecemento nos brazos do amor.
Coma se de súpeto eu fose máis humana e por iso entendera
a débil constitución da mente
que treme
coma unha avelaíña ante unha bombilla de 40 vatios.
Igual que se caera un pozo no centro de min
e o fogonazo que produce un milímetro de vida
me propulsase ao centro dun milímetro de min caendo
nun pozo
tan só
porque unha diminuta esfera grandiosa
se me está a formar dentro
e os meus tímpanos imperfectos non poden oír aínda
a súa rotación dentro do bosque de cromosomas.
Coma se Deméter amarrada ás miñas entrañas
arrastrase coa grade do amor a Perséfone á superficie
e a primavera
vencese para sempre
e o Inferno xa non terá dominio
e o Inferno xa non terá dominio.
Porque un rabaño de lobos te pasean ao lobo do meu
ventre
eu son un on-halos só no medio do universo
facéndote
feliz
criatura.
Coma se caera unha pedra no centro do mundo
retumba toda a miña materia individual
a conciencia astral da persoa
que se asoma
a un fogonazo e ve máis a poder de luz
que de sombra.
Porque vou en min catapultada a un misterio
coma un pole transportado por abellas
á matriz da existencia
absorta no quietismo absoluto de todo canto se move.
Déitome sobre a herba da aira
pensando en Mitrídates rei do Ponto
no labirinto de Borges
na Dánae de Klimt e no ciclón somático
que é o meu soño.
E así sentada
agarrada ás arandelas da miña córnea
contemplas só o profundo
e báteche o corazón por primeira vez
coma se caera unha pedra no centro do mundo
En Feliz Idade (2019)
No comments:
Post a Comment