Como a maioría dos mortais, adoro estes meses que constitúen o limiar do verán: a luz, os días longos, a explosión de cores, as nubes antolladizas, os baños de mar prematuros e... as cereixas. As gorentosas cereixas coas que soño, e máis despois daquelas suxerentes liñas de Manuel Rivas en Que me queres amor? (1996), lembrades?
“Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame
con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente,
bícame e devólvema coa lingua. E eu marcho tocado para sempre, o óso da
cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical
silvestre.”
Esas froitiñas bulbosas cunha cor, tamaño e textura perfectas constitúen un pracer para os sentidos. E unha vez degustada, sempre queda o recordo do óso para "rolar nos dentes" como ben dicía Rivas.
Beixos de lingua (2017) é un saquiño de cereixas. Achégaste ao primeiro poema salivando xa, atraída polo fermoso carácter caligramático dalgúns dos textos. Que ganas de mordelo, de ver se está no seu punto, se será acedo ou doce, carnoso ou seco! E de repente, inesperadamente, estóupache irresistible na boca. Lelo unha vez e daste conta de que non abondou. Queres lelo outra vez para ver se o efecto é o mesmo. A pedra a rolar no teclado dos dentes. Repítese o efecto como na primeira vez, porque como as cereixas gardan as raiolas do sol no seu corazón, as palabras de Paco Barreiro gardan o xogo no ventre.
A poesía en xeral está deseñada para ser lida en voz alta, pero é máis así no caso dos textos de Beixos de lingua, porque te domina o desexo de escoitar a musicalidade das aliteracións, que che ecoan na boca e rebotan nos oídos. O mesmo ocorre con outros, que son pura brincadeira, búmerangs de equívocos que van e veñen e que tes que evitar para que non che dean no nariz. E no outro lado do espectro, están os poemas que son coma plumas na palma da man, cóxegas lingüísticas que seducen o riso ata levalo ao clímax da gargallada.
Paco Barreiro, é un escritor de formación ecléctica (en música, teatro, dobrexa, regueifa, ...) probablemente a causa da calidade suprema destes versos. Deixádevos seducir por este froito de verán, magnético dende a tona ata a pedra.

No comments:
Post a Comment