Aplicación instantánea (2018) é un mapa das rúas perdidas da adolescencia. Un roteiro intelixente cun punto cómico que retrata a ferida da moza social e illada, incómoda coa súa pel e narcisista, todo ao mesmo tempo. Unha voz minimalista que imita o estilo cita-de-Mister-Wonderful mesturándoo co enxeño das greguerías de don Ramón. Carlos Negro sabe como conseguir re-gramms e rechouchíos. Ao fío de "cicloxéneses expresivas" (p.72), "enchufes prohibidos" (p.13), "seseo(s) en forma de sorriso" (p.20) ou "arma(s) de introspección masiva" (p.36) engánchanos á rede de palabras 4G (a dos avatares) e o dedo escorrega pola pantalla buscando máis.
Tranquilos todos os puristas, a civilización occidental non morreu sacrificada no altar das redes sociais. É hora de que o asumamos: evolucionamos. Agora a vida pode resumirse nun chío cunha palabra, dous parénteses e tres puntos; os selfies pódense facer entre as silveiras dos versos; o golpe irónico de gracia aséstase cun cancelo e os graffitis veñen con instrucións de uso.
Espabilade, @rupiKaur, @makeblackoutpoetry, @miguelgane e demais poetas das redes. @aplicacion_instantanea ten altas probabilidades de convertirse en viral e deixarvos k.o. neste round para colleitar seguidores e *gústames.
E ante os desconfiados coma Rebeca Watts, que criticaba a "honestidade" e "accesibilidade" deses poetas modernos e populistas, Carlos Negro responde con dous versiños letais:
(Contra) academia
Se ser poeta é virar solemne,
case mellor volverse unha maceta
(p.59)
No comments:
Post a Comment