Thursday, August 22, 2019

Literary Walks (VII): Monumenta

Malia que a andaina que vos presento non é literaria, foi tan bonita que non podo menos que incluíla neste apartado, pois gustaríame por un lado, contribuír a visibilizar esta acertada iniciativa  que coñecín grazas a Patri Fernández e por outro, gardar nesta bitácora un paseo instrutivo e emocionante pola vila de Redes.

O roteiro, titulado O legado cultural, social, educativo e botánico dos emigrantes indianos, é parte do ciclo Monumenta "Andar con arte". No limiar da súa web indican que é "un programa de actividades culturais, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio".

E así resultou ser. Tivemos dous cicerones extraordinarios: Ernesto López Naveiras, presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco; e Juan López Bedoya, xeógrafo físico e divulgador científico.

Coa arquitectura como eixo central fomos visitando as casas da emigración (Concha Amado, Paco Bello), a igrexa e o cemiterio de Caamouco, unha quinta indiana ou a escola da Agrupación Instructiva.

Repasando os motivos da emigración viaxamos a principios do século XX en barcos ateigados ata Uruguai, Arxentina ou a Costa dos Mosquitos en México. Recordamos as condicións e o trato infrahumanos do campo de Triscornia e o contraste coas vidas daqueles que facían unha emigración "protexida".

Xirasois e palmeiras decorativas leváronnos á descuberta dos dous Domingos, Domingo Viana e Domingo Pires e tamén dos misterios da inscrición "Yo.Voy", dos candís accesos pendurados na fachada das casas.

Entre galerías, verandas e xardíns suntuosos, escoitamos a historia dos barcos viveiros, de escandallos, arcos carpaneis, cabrias ou lápidas de serpentinita. Aprender da nosa historia tamén é aprender a lingua que a nomea.

Moitísimas grazas aos dous guías así como aos organizadores de Monumenta. Parabéns!




































No comments:

Post a Comment