Para aqueles que nos sentimos cómodos entre libros, visitar bibliotecas e librarías é un pracer. Sempre teño curiosidade por ver o tipo de edificio que a cidade elixiu, entrar a explorar o seu interior e ver se o espazo é agradable e acolledor, o tipo de libros que enchen os andeis... e nun exercicio de puro voyeurismo, ver que tipo de persoas ocupan as cadeiras e sofás e o que están a ler.
O pasado decembro, tivemos a oportunidade de visitar a Biblioteca Pública e Arquivo Regional Luís da Silva Ribeiro, en Angra do Heroísmo, na illa de Terceira (Azores) recentemente inaugurada (o 16 de setembro de 2016) e que leva o nome do açoriano Luís da Silva Ribeiro (1882-1955), xurista, intelectual, político e etnógrafo destacado. O edificio chama a atención pola súa estrutura xeométrica e as amplas cristaleiras, pero alén disto, o interior -luminoso, atractivo- constitúe unha celebración deste pobo e os/as seus/súas lectores/as.
As bibliotecarias explicáronnos orgullosas e entusiasmadas a historia da biblioteca, a mudanza dun edificio antigo e pequeno a este amplo e moderno, a adquisición de novos fondos e o uso continuado que fai a comunidade dos espazos lectores e audiovisuais.
Quedei prendada da clasificación sinxela para o público infantil e xuvenil: seccións nomeadas de xeito transparente e comprensible, que favorecen a autonomía dos/as lectores/as á hora de buscar o que desexan.
Recunchiños para bebés, para debuxar, para contar, para xogar con monicreques, ... E, ante todo, uns fondos variados e crecentes e un espazo amable para un pobo que ama aos seus literatos e que enche de poesía as rúas, as paredes, e mesmo as servilletas ou as botellas de auga. E así me foron envolvendo os versos tatuados no asfalto do porto de Ponta Delgada de Natalia Correia; os sonetos de Antero de Quental, ondulando os estanques dos parques; e os cadernos de caligrafía na casa natal de Vitorino Nemésio
Namorei.
E enchéuseme a maleta de polisóns.
Pedro e Inés, 2009 (José Nuno da Cámara Pereira) |
Espaço bebé |
Oficina dos sentidos (1) |
Oficina dos sentidos (2) |
No comments:
Post a Comment