Friday, January 27, 2017

Personal Correspondence: Maruja Mallo - Alfonso Reyes

Fonte da imaxe: http://www.epdlp.com/cuadro.php?id=2161
MOITO lle teño que agradecer a Anxo Vieites Salgado, o meu profesor de arte de COU. Non esquecerei xamais esas clases rigorosas e detalladas, coa arte como única protagonista, as obras maxistrais en filmina iluminando o salón de actos do IES Terra de Xallas: a ménade danzante, O chamamento de San Mateo, o matrimonio Arnolfini, o Partenón, as obras de Christo e Jean-Claude,... Saiamos da clase con síndrome de Stendhal e rematamos o curso coa sensación de ter vivido tanto!

Hai dez anos, volveu ensinarme, esta vez a través de miña irmá. Moito antes de que iso da clase invertida estivese de moda, as alumnas de arte prepararon unha exposición de mulleres artistas verdadeiramente ben feita e fascinante de ver. As rapazas, aparte de elixir as pintoras e as obras, facer o traballo de investigación, redacción e montaxe, eran tamén as guías, falando entusiasmadas de Frida Kahlo, Tamara Lempicka, e outras, entre elas tamén Dona Maruxa Mallo (1902-1995), unha feliz descuberta. Esa sensación de formiguiño ao ver por primeira vez os seus cadros enfeitizantes, cun aquel hipnótico que fai que non poidas deixar de miralos.

Seguinlle a pista a través dalgunha revisión da súa vida e obra como o programa de "Imprescindibles", vendo así a muller libre, independiente, talentosa, transgresora e anacrónica. Dicía que pintaba desde o asombro, desde a sede, desde unha sensibilidade profunda, e será por iso que cando miro a súa obra, se me desnuda a mirada e se me sincopa o corazón.

Quédavos aquí un estudo da súa correspondencia con Alfonso Reyes: trece cartas escritas sobre papel con caligrafía enrevesada, cartas que recollen as súas "pintorescas impresiones" en palabras de Alfonso Reyes, e que "despiertan en mí la viva emoción". Gozade!

No comments:

Post a Comment