Monday, June 4, 2018

The Heart in Movies: Visages villages

Marabillada coa enerxía luminosa de Visages villages (2017), un filme produto da colaboración entre a directora Agnès Varda e o artista gráfico urbano e fotógrafo JR, coñecido polas súas impactantes intervencións gráficas en rúas e tellados de cidades de todo o mundo.

A película é un road trip co "azar como asistente de vida" que nos inunda os ollos de cores: Amarelo xirasol, lavanda recendente, azul mar, vermello ladrillo, marrón cabra, verde prado e gris fábrica.  Cores transitorias que pasan a toda velocidade diante nosa disolvéndose no branco e o negro. O branco do sal, que fai soñar, e o negro do pain d'alouette, sinónimo da nostalxia.

Branco e negro. Ver ou non ver.  

Ver a través dos ollos propios, mirando os rostros de Jeanine, Émil, Emilie, Claude, Amaury, Pony, Marie, Morgane e Sophie. Ver a través dos ollos enfermos de Agnès ou dos permanentemente cubertos polas gafas de JR. Ver polos ollos daqueles que nunca aparecen na pantalla: Jean Luc Godard, Cartier-Bresson ou Guy Bovelin. 

Non ver porque a retina nos falla ou porque nos engana e non recoñecemos o impacto do progreso, da mecanización, das redes sociais, da perda das raíces. Unha pegada visible nas liñas das facianas e nas da xeografía urbana. Xa o di Agnès, "Chaque visage a une histoire", e para asimilar a magnitude das "imaxes en abismo" que o estrambótico dúo nos presenta, temos que dicir coma o neno do conto de Galeano"¡Ayúdame a mirar!", e facelo axiña porque "o instante é decisivo" e as imaxes son efémeras. Poden ser erosionadas sen piedade polo mar ou a memoria e cómpre gañarlle á marea do tempo apañando os vínculos, os apegos, a resistencia e sobre todo adquirindo a capacidade de mirar. Mirar con esa ollada do artista que é quen de sorprender convertendo un depósito de auga nun castelo de peixes ou dous peíños engurrados nun corazón.


No comments:

Post a Comment