Friday, April 6, 2018

The Heart in Poems: María do Cebreiro (III)



G. (3)

Non esquezas a terra mollada no fondo do pozo. Un día irás dereito á súa procura, farás con ela a casinha de lava que tu tanto querias. Alí nace a ferida da que vén a túa escrita.

Deixa que o sangue lave a ferida e te bautice.

Despois busca un escudo. O teu rostro (o rostro dun animal invisible) labrado na madeira. Es nobre e a túa carne precisa protección.

Na métrica procuras o que eu procuro no que non ten medida. Un corazón femenino, sen compás.

A túa idea da métrica vén cadrar, paso a paso, coa miña propia idea do infinito.

Os paxaros e os peixes apréndenos que aínda nós non sabemos nin voar nin nadar.

O poema non é un avión nin un barco. O poema protesta para que a carne deixe de ser carne. É unha protesta inútil.

(A túa pel, tan branca como un vaso de leite.)

Non esquezas que somos animais.



No comments:

Post a Comment