Veronica Lorenzo defínese como unha costamortina aspirante a poeta que nas horas serias traballa de documentalista en Madrid.
Comezou a gustarche ler…
Non teño conciencia dun momento no que me decatase de que me gustaba ler. A lectura comezou como un hábito na escola e logo volveuse unha afección.
Ti como nena ou adolescente lectora
Alén das sagas que a meirande parte da miña xeración leramos (Harry Potter, Manolito Gafotas…), lembro como todo un acontecemento o momento no que cumprín os 14 anos e puiden coller emprestados os libros da sala de adultos da biblioteca pública. Lin moito por imitación do que lía a xente máis maior ca min, interesábame a novela histórica e fantástica, mais disfrutaba moito das memorias e das biografías.
Un libro ou varios ao mesmo tempo?
Procuro que sexa un libro de cada vez. E as veces que combino lecturas é porque unha é máis curta que a outra e sérveme de descanso ou porque os leo en distintos soportes.
Mercar os libros ou lelos prestados?
Un pouco de todo. Son máis de empréstamo, e só merco aqueles que significan moito para min, ben sexa pola autoría ou pola temática da obra.
Gardalos ou deixalos ir?
A verdade é que en cuestión de libros teño bastante síndrome de Dióxenes, cústame moito de desfacerme deles e dos que me desfixen foi por unha cuestión de espazo ou por mudanzas.
Lugares para ler
Leo sobre todo cando uso o transporte público, en viaxes longas. Pero sinto que disfruto máis cando leo en Muxía, na galería do piso dos meus pais, con boa luz natural e o son do mar. Son lecturas que lembro con máis ledicia.
A lectura – en solitario?
Prefíroa, se non é en solitario, si illada dalgún xeito. Como dicía, adoito ler ao usar o transporte público, co cal ao tempo que leo tamén escoito música e creo así un espazo propio en tránsito.
Rituais lectores
O único ritual é escribir en folla de garda a data e o lugar onde se mercou ou onde mo agasallaron. Neste último caso, tamén indico quen o agasalla. É un xeito de facer memoria e gravar lembranzas neses dous ou tres datos.
Que estás lendo agora?
Comecei co segundo libro da saga “A miña loita”, do Karl Ove Knausgård.
Que lerás despois?
Teño uns cantos libros pensados en ler, non sei en que orde; non me gusta forzar, decidir de antemán que ler. Agardo sempre a rematar a lectura e nese día ou ao seguinte, sen présas, comezar un. Teño recén mercados o epistolario d’Albert Camus e Maria Casarès (Gallimard, 2017) e a biografía que escribiu Felipe Cabrerizo sobre Johnny Hallyday (Expediciones Polares, 2018). Mais tamén agardo rematar a saga do Knausgård, e teño anotados como posibles candidatos as últimas publicacións de Mary Beard, Virginie Despentes, María Xosé Queizán e Lina Meruane.
En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?
Ás veces a vida obrígame a deixar de lado unha lectura que me gusta, pero nalgún momento acabo retomando o libro sen problemas. Cando era máis nova si tiña esta manía de me obrigar a rematar unha lectura aínda que me desgustase; hoxe prefiro investir mellor o meu tempo e se un libro non me convence desde o principio abandónoo sen cargo de conciencia.
Que libros están na lista de "reler"?
A triloxía da crucifixión rosada, de Henry Miller
Los surcos del azar, de Paco Roca
Medio sol amarillo, de Chimamanda Ngozi Adichie
Insolación, de Emilia Pardo Bazán
Calquera poemario de Miriam Reyes ou Lupe Gómez
Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería…
Que difícil! Eu creo que salvaría un dos libros que máis me ilusionou atopar nas librarías de vello: La hija del mar, de Rosalía de Castro. É unha escolla totalmente emocional, pola autora, pola novela e pola vila na que se ambienta.
Un libro que se che resistiu
Un dos libros que abandonei ás cen páxinas, e xa me pareceu moito resistir, foi a de A amiga estupenda, de Elena Ferrante. Non sei se está sobrevalorado ou non, mais o caso é que eu sentíame todo o tempo allea á acción e non comprendía a ningunha das personaxes. Non tiña ao que agarrarme para continuar.
O libro que máis regalaches
Non teño ningún título que repita. Adoito escoller con moito coidado os libros que agasallo. Si teño un libro comodín pensado pero que nunca remato por mercar: Fun Home, de Alison Bechdel.
Unha cita ou un verso?
“La calle no se hizo para que tomes / cerveza y hables de poesía” son uns versos de En Guadalajara, Jalisco, do poeta cubano Sifgredo Ariel.
Autores/as favoritos/as?
Teño unhas cantas no altar de persoas favoritas: Anaïs Nin, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, María Lado, María do Cebreiro, Henry Miller, Pierre Michon, Julio Cortázar, Paco Roca, Begoña Caamaño, Lois Pereiro, Jaime Gil de Biedma, José Ángel Valente, Ken Bugul, Lupe Gómez, Federico García Lorca, Chinua Achebe, Chimamanda Ngozi Adichie, Sarah Waters, Alison Bechdel, Terry Moore, Georges Perec, Luis García Montero, Almudena Grandes, Manuel Antonio, Mary Beard, Virginie Despentes, Camille Jourdy,...
Ler en galego…
Procuro facelo. Vivindo na diáspora é máis complexo e dependo moito das novidades da plataforma GaliciaLe e das viaxes á Galiza para aproveitar a estancia.
Completa como che pete:
● O cómic Los surcos del azar, de Paco Roca, é dos meus favoritos.
● Os ensaios de Francisco Xavier Redondo Abal nunca defraudan porque xiran arredor da nosa historia e da historia da miña profesión, a bibliotecaria.
● Os libros infantís e xuvenís son importantes na educación emocional das crianzas, quero dicir, como seríamos de non ter vivido un pouco no libro Onde viven os monstros ou acompañando ao elefante Elmer?
● A novela para esquecer un pouco quen es e calzar os zapatos doutra persoa, noutro tempo, noutro lugar.
● A poesía para emocionarme. Sempre atopo en versos alleos o que eu quixera ter dito.
● O teatro non é do que máis leo, só determinados autores, pero porque prefiro acudir ao teatro e disfrutar da función, dos diálogos en directo, dos movementos dos actores, dos efectos e das luces, da música e da atmosfera que trae consigo un espazo así.
Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura
Gardo con moito cariño un poemario de Lucía Fraga, Nostalgia del acero, que me agasallou o meu profesor de Lingua e Literatura Castelá de bacharelato no IES A Sardiñeira. É dos profesores que lembro con máis agarimo do meu tempo do instituto porque apreciaba moito como ditaba as aulas de literatura, era un amor auténtico e entusiasta. Con poucos docentes como el me encontrei nos tempos de estudante, e este detalle que tivo comigo nunca o esquecín.
Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha/un ou hai periodos nos que prefieres non ler?
Nos últimos anos son máis de folgas involuntarias de lecturas: non me dá o tempo, non teño o humor apropiado… Dedico o xusto para estar informada ou para lecturas profesionais. Non me preocupa en exceso pasar uns meses sen ler ningún libro; prefiro non forzarme e achar o momento adecuado e o libro máis indicado para reiniciar.
Les porque… é unha necesidade, un xeito de pausar a vida.
Escribes algo? O que?
Escribo moitas veces para ordenar os pensamentos e amarrar as impresións, manteño cadernos físicos e dixitais con este propósito. Logo, tamén, publico algunhas recensións de libros, especialmente en Granite&Rainbow, na que participo desde os seus inicios, e algúns poemas esparcidos na rede.
Escribes porque… preciso rexistrar o que ocorre ao meu arredor, para ordenar, darlle perspectiva. Escribo listas, anoto citas e versos, loito sobre todo contra a miña incapacidade de retención de información. Encho cadernos de cousas que lembrar, de impresións, etc. Non hai moito que descubrín que a isto lle chaman commonplace book.
Outra cousa que queiras compartir
Moitas grazas por esta invitación, disfrutei moito respondendo.
Would you like to listen to this word buff reading a text of his own?
Para saber máis:
- Perfil de Verónica en Twitter.
- Granite & Rainbow
No comments:
Post a Comment