Henry Scott-Holland (1847-1918) foi párroco na catedral de Saint Paul, en Londres. En 1910, cando morreu Edward VII, deu un sermón que se titulaba "A morte, raíña dos terrores". Unha parte dese discurso dicía que cando nos morre unha persoa amada, un mira a faciana fría e esbrancuxada e nela parece haber unha última mensaxe.
Esa mensaxe repítese moitas veces en funerais oficiados no Reino Unido. É un poema que funciona como unha sorte de mantra, de amuleto. Unha última pregaria para arredar o frío, esconxurar o medo e convencernos de que a morte non é nada.
A morte non é nada
(tradución libre)
A morte non é nada.
Non conta.
Só escapei para o cuarto do lado.
Non pasou nada.
Todo segue como estaba.
Eu son eu. Ti es ti.
E a vella vida dos afectos que vivimos permanece inmutable.
O que fomos un para o outro, seguímolo sendo.
Chámame polo alcume.
Fala de min coa mesma naturalidade que sempre o fixeches.
Non cambies o ton.
Non te vistas de solemnidade ou tristura.
Ri como sempre o fixemos das bromas que compartimos xuntos.
Xoga, sorrí, pensa en min, prega por min.
Deixa que o meu nome sexa a palabra do lar que sempre foi.
Dío sen esforzo, sen a pantasma dunha sombra sobre el.
A vida segue tendo o mesmo sentido.
É o mesmo que sempre foi.
Hai unha continuidade absoluta e inquebrantable.
Que é a morte máis que un accidente neglixente?
Ollos que non me ven si, pero... por que debería ser corazón que non me sente?
Só estou agardando por ti, un momento,
nalgures moi preto,
á volta da esquina.
Todo vai ben.
Non doe nada; nada se perdeu.
Un intre de nada e todo será como antes.
Como nos riremos da preocupación pola partida cando nos voltemos ver!
Para saber máis:
- Artigo en La Voz de Galicia (01/11/2015)
No comments:
Post a Comment