Miguel Silva resúmenos o seu currículo así:
"Desde moi novo comecei a sentir as ganas de subir a un escenario. Cantar, bailar ou contar chistes; todo me valía. Con 9 aniños comecei a tocar a trompeta e fun cumprindo os soños de actuar. Primeiro ca banda e, cando fun medrando, en charangas e tamén nun grupo de rock. Mentres, no instituto, ía collendo o gusto pola literatura e, sobre todo, polas vidas das autoras e autores. A iso haille que sumar a rabia que sentía polas inxustizas que se cometen cara a nosa lingua, polo que acabei na facultade de filoloxía estudando o grao en lingua e literatura galegas.
Os anos en Compostela foron os mellores da miña vida, cando máis aprendín e cando máis gocei. Polo que ao volver a Rianxo, neste ano de tránsito, tiña que facer algo para saciar inquedanzas. Así naceu a miña canle en youtube, onde mesturo tódalas miñas paixóns e tamén onde nacen outras novas.
Seguen chegando inquedanzas e sorpresas á miña vida e agardo con ilusión e moitas ganas".
Fotografía de Sara Hermo |
Comezou a gustarche ler...
Na lectura fun por etapas. Cando aprendín a ler encantábame pasar tardes rodeado de libros. Lembro que tiñamos na casa unha colección (que me parecía tremendamente antiga) que se chamaba “Eu son o sol”, “Eu son unha árbore”, “Eu son a lúa”, etc. Con eses libros collinlle o gusto á lectura.
Ti como neno ou adolescente lector
Como xa dixen, sempre fun por etapas, sobre todo na adolescencia. Adicáballe tanto tempo á música que ás veces só tiña tempo para ler os libros que me mandaban na escola. Mais, lembro que había propostas na escola e no instituto que me enganchaban moito e logo seguía varias semanas enganchado a libros, ata que xa estaba tan ocupado que tiña que quedar nas lecturas obrigatorias, deberes e clases de música.
Un libro ou varios ao mesmo tempo?
Intento ir de un en un, mais é practicamente imposible. Ás veces estou cunha novela ou un poemario e vou correndo a consultar algo noutro libro e xa quedo enganchado.
Mercar os libros ou lelos prestados?
Debido á miña situación económica, prestados. Acostumo a mercar aqueles que sei que vou remexer nas súas entrañas unha e outra vez.
Gardalos ou deixalos ir?
Sempre gardalos.
Lugares para ler
O sofá é, sen dúbida, o meu lugar para a lectura. Aínda que tamén son dos que leva o libro á praia. E cando está chegando a calor na primavera, sempre busco algún banco pra sentar a ler (así de intenso todo).
A lectura – en solitario?
Sempre.
Rituais lectores
Se podo, descalzarme. E se estou lendo unha biografía ou ensaio, lapis e papel.
Que estás lendo agora?
O segredo do humor de Celestino F. De la Vega
Que lerás despois?
Regaláronme o outro día a obra completa de Faustino Rey Romero, o escritor rianxeiro que teño máis abandonado. Así que comezarei axiña con el.
En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?
Non me custa demasiado deixar de ler un libro. Igual nese momento non me apetece o que me está a ofrecer e pode que unha semana despois si. Entón fártome de dar segundas oportunidades. Con todo, teño comezado libros que prometín non volver coller.
Que libros están na lista de "reler"?
Moitos. Moitos clásicos que me ensinaron moitas cousas e tamén libros que collín por casualidade e chegaron a converterse en obras de referencia para min. Algúns que me veñen agora á cabeza son: Ensaio sobre a cegueira, de Saramago; Retorno a Tagen Ata, de Ferrín; Sempre en Galiza, de Castelao; a poesía de Xohana Torres; todo Manuel Antonio (unha e outra vez), etc.
Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería...
Unha vida en rebeldía, de Axeitos. Esa biografía de Manuel Antonio ensinoume moitísimas cousas sobre el, mais tamén sobre como se pode chegar ao máis alto desde a túa pequena posición, nun recuncho de Galiza e cuns recursos limitados. Todo iso a comezos do século XX, cando agora hai xente que pensa que se non marcha para Madrid nunca vai chegar a nada.
Un libro que está sobrevalorado
Ollos de auga, de Domingo Villar. *emoji cas bochechas vermellas
O libro que máis regalaches
Cousas, de Castelao. Porque é unha obra que sempre que colles vai sorprenderche, moi fácil de ler e con moito que rebuscar.
Unha cita/un verso
en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!
Autores/as favoritos/as?
Manuel Rivas, María Reimóndez, María Xosé Queizán, Pedro Feijoo, Saramago...
Ler en galego...
Para min é o normal.
Completa como che pete:
O cómic... téñoo algo descoidado
O ensaio... abre tantas portas que necesito consumilo cada pouco.
Os libros infantís e xuvenís... encántanme e animo a que todo o mundo os lea.
A novela... é o día a día.
A poesía... fai sentir, ás veces máis do que desexas.
O teatro... é o xénero ao que máis lle quero, para ver, ler e representar.
Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura
Un día estaba lendo tan atento e nervioso que me viñeron dicir: “Mima, Miguel, pero para cando tes que ler ese libro?”
Estaba tan entusiasmado que parecía que tiña que rematalo canto antes.
Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha/un ou hai periodos nos que prefieres non ler?
Si, hai periodos nos que non leo. Normalmente por andar ocupado en outras cousas. Mais é raro que non bote man dalgún libro para consultar calquera cousa.
Les porque…. me fai sentir, aprender e soñar.
Escribes algo? O que?
Si, escribo. Sempre relatos, non me atrevo a máis.
Escribes porque... acostuman a virme historias á cabeza. Vexo situacións e contextos que me parecen curiosos e vounos distorsionando en relatos. Normalmente, ao final, xa non teñen nada da situación orixinal.
Outra cousa que queiras compartir
Ata hai un ano era o mítico lector que se centraba en novelas e poesía. Dábame moita pereza coller ensaios, biografías ou artigos extensos. Cando comecei a facer cousas para Youtube mudei iso por completo, agora vou consultar algo nun libro dese estilo e quedo enganchado á mínima.
Para saber máis:
Para saber máis:
No comments:
Post a Comment