Monday, July 18, 2016

Realm of Books (I): La Feltrinelli



Tarde de xuño de calor abafante na Piazza Gae Aulenti de Milán, un espazo moderno proxectado polo arquitecto arxentino Cesar Pelli,  de recente inauguración (2012) que busca honrar co seu nome á famosa deseñadora e arquitecta italiana Gae Aulenti. Elevada seis metros do nivel da estrada, cunha fonte central e rodeada de rañaceos coma a torre Unicredit (o máis alto de Italia) atrae a xente de todo tipo que busca un sitio tranquilo á tardiña.




Os maiores sentan nos bancos á sombra, nenos e mascotas chapican nas fontes e o que máis e o que menos anda a ritmo de tartaruga, ralentizado polo espesor do aloumiño do sol.

Segundo entramos, á man esquerda vemos RED Feltrinelli, un restaurante-libraría dunha das editoriais máis antigas de Italia (1954) que naceu co conmovedor lema de Giangiacomo Feltrinelli (1926-1972): “Cambiare il mondo con i libri, combattere le ingiustizie con i libri.” E tentou ser fiel a ese ideario, publicando autores e autoras do terceiro mundo e novelas que provocaron o escándalo e mesmo o meteron en problemas, especialmente as de Henry Miller e dúas obras de importancia internacional, O doutor Zhivago (Boris Pasternak) e O gatopardo (Giuseppe Tomasi di Lampedusa).

Xa estiveramos o día anterior na Feltrinelli das galerías Vittorio Emmanuele, enorme, cuns cómodos sofás e mesas para consultar os libros; pero sempre me encadilou esta idea de libraría-restaurante/cafetaría (inesquecibles a Cook & Book en Bruxelas ou a Alexandra Könyvesház en Budapest) así que decidimos tomarlle un algo na RED.

Da calor e a rebuldaina da praza pasamos ao o abrazo fresco do aire acondicionado e o murmurio bisbado dos libros, coa riqueza da literatura e os seus diferentes xéneros coma anfitrións.



Sentamos nunha desas mesas longas coma as que teñen as avoas para as comidas familiares, inspirando o aroma dun lugar que alimenta o corpo e a alma. Sube o volume do silencio e sentimos a chamada hipnótica dos estantes coloridos onde volumes separados por abismos de tempo se rozan insinuantes invitando ás mans incontrolables a sacar, tocar, abrir e desvelar os segredos todos para encher os ollos e apretar o corazón.

Alessandro Baricco, Vivian Maier, Erri De Luca,  Menotti Lerro, Alda Merini, autores e autoras de aquí e de acolá acugulan as nosas orellas coas súas palabras frescas e brillantes. Pracer dos sentidos mentres voan as follas e os minutos.


Veñen dúas mozas e preguntan se poden sentar ao noso lado e cando alzo os ollos para dicirlle que si, vexo que o lugar se encheu por completo. Un neniño corre rindo a gargalladas cun libro apretado contra o peito, escapando do pai que o persegue e facendo sorrir a unha anciá que bota unha ollada ás guías turísticas, quizais escollendo o próximo destino vacacional. Os camareiros comezan a carreira para dar atendido a todos e todas. Xa non quedan mesas, pero a xente segue chegando e enchendo a RED Feltrinelli. Cégame un resplandor repentino e  escoito un ruído atronador que fai tremer as fiestras e entón entendo.

Entendo que todos nós, almas errantes, entramos aquí buscando o mesmo: o acubillo morno das palabras, o concerto melódico que silencie o ruído gris da tormenta, a impermeabilidade que deteña todo o que manque, e un refuxio que nos esconda por un anaco do que somos demasiado covardes para afrontar.






Entendo que por hoxe acabouse o turismo exterior e toca o interior. Agarimo a portada de Lea Garofalo e sumérxome na historia dunha muller que nunca se rendeu.





1 comment: