Thursday, July 28, 2016

Letters in Books: Querido H.P. Lovecraft

Cheguei a Antonio Manuel Fraga (1976) grazas a esta entrevista suxerida por Miro Villar (grazas, Miro!) na que o autor explica como chegou a coñecer o círculo de H.P. Lovecraft, por que emprega o formato de correspondencia e afonda noutros elementos do contexto coma as revistas pulp, Texas, a depresión ou a influencia do mesmo Lovecraft. Tamén vos recomendo a lectura desta entrevista feita por Ramiro Torres ou o estoutra no programa ZigZag da televisión de Galicia.

Non son seareira da literatura fantástica e moito menos de terror (cósmico ou non) pero veño de rematar Querido H.P. Lovecraft (2016), a terceira obra premiada, primeira de narrativa para adultos deste autor. Foron dúas cousas as que me atraeron deste libro: por suposto o feito de que fose un compendio de cartas, e a segunda que me descubriu a Robert Ervin Howard (1906-1936), cunha vida curta pero interesante, que de seguro se reflicte na súa correspondencia persoal, publicada en varios volumes cos que tentarei facerme.


A "faísca que prendeu a leña da posterior ficción" (p.10) é a carta (real, esta primeira) de Isaac Howard (pai de Robert E. Howard) a H.P. Lovecraft onde lle comunica o suicidio do fillo e o contextualiza con detalle, incluído o descubrimento dunha tira de papel no seu peto coa seguinte frase: "Todos fuxiron, todo está feito, así que erguédeme na pira. A Festa rematou, e as lâmpadas expiraron" (p.14). A esta primeira carta séguena outras tres, estas xa ficticias: unha de Lovecraft a Isaac Howard, outra de Robert a Lovecraft, e finalmente a resposta de Isaac Howard a Lovecraft. A segunda destas, escrita por Robert, é a que constitúe a verdadeira cerna da novela.

A partir de aí segue un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico. Sobrancea a hábil creación de ambientes perturbadores, que, de xeito preciso, nos acaban afectando da mesma maneira que ao ficticio Lovecraft: "o que primeiramente [interpretamos] como unha intrincada brincadeira, [acaba] por [nos] mergullar na máis absoluta das incertezas" (p.19).

Coma Lovecraft, Fraga emprega só un par de expertas pinceladas breves para describir cada un dos personaxes, e mesmo E. Hoffman Price ou Tevis, que apenas aparecen no relato, teñen unha personalidade claramente única e fascinante.

Só lin relatos de Lovecraft, non novelas, pero lembro un estilo denso e florido, cargado de pasivas e frases longas con múltiples subordinadas. Certamente axuda na creación dunha atmosfera claustrofóbica, pero ralentiza a lectura ao non ser unha prosa facilmente navegable. Pola contra, o ritmo de Querido H.P. Lovecraft é áxil, e vainos presentando sucesivas "pezas [dun] xadrez de pesadelo"(p. 43): os indios, a relación coa nai, coa moza Novalyne ou con Truett, o proceso de escrita coa súa Underwood, a maldita esfera verde, ... vanse colocando en movimentos rápidos e estratexicamente planificados ata darnos o xaque mate final.

Altérnase esta precisión case quirúrxica con pasaxes cargadas de lirismo, coma a descrición do amor dos pais de Robert: "Ambos os dous me amaron con devoción, aínda que de distinto xeito. Tal e como corresponde ás súas personalidades, o meu pai fíxoo de forma serena, en longas veladas preñadas de ausencias. A miña nai, todo o contrario: o seu amor era o mecanismo dun reloxo adiantado, disidente da métrica, todo ansia e présa" (p.27); ou as miñas favoritas, esas paisaxes e ceos texanos, contrapunto e ás veces reflexo externo dos estados de ánimo interiores cun punto onírico:

"No ceo ovalado, púrpura e branco, as nubes bosquexaban unha vasta e asoballante pegada dactilar" (p.52)

"Detrás do pano de brétema, o sol comenzaba xa a súa fuxida no horizonte, facendo as sombras longas e difusas e complicando aínda máis a visión" (p.67)

"Fóra, o orballo bisbaba a súa linguaxe no vidro das xanelas" (p.83)

"Fóra, o vento peiteaba as pradeiras coa melancolía dun coiote moribundo" (p.109-110)

"A noite era unha enorme mancha de tinta chinesa zorregada periodicamente por látegos de luz" (p.112)

"Unha brisa suave coma un aloumiño mexía a herba dun lado ao ao outro, cuxo vaivén arxentino compuña un ballet de miles de corpos, se cadra millóns, que danzaban ao mesmo ritmo" (p.115)

"O sol, igual que unha cereixa madura, esparexía polo ceo o seu zume tras se esnafrar contra o horizonte, tinguindo de púrpura a barriguiña das nubes" (p.139)

"Fóra, todo semella mudar de xeito misterioso. O sol non é luz e calor fronte a un mundo inerte, senón que o mundo se transformou nun nimbo de luz ardente e o sol nunha bóla glacial e exánime suspendida no firmamento" (p.144)


Coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre ao abismo da culpa, encollémonos ante as inquietantes influencias non humanas, ficamos envoltos no misterio, e vemos que Fraga, coma Clark Ashton Smith ou August Derleth, expande e engade á visión lovecraftiana. A peza que completa o círculo.
Poema manuscrito de Robert E. Howard (Fonte: http://www.hrc.utexas.edu)

All dim, all pale — so lift me on the pyre — 
The Feast is over and the lamps expire!
"The House of Caesar" by Viola Garvin

No comments:

Post a Comment