O pasado domingo visitamos Culturgal 2016, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Era a novena edición desta feira, porén do noso grupo de cinco, só unha tiña asistido previamente, e de feito foi ela quen nos motivou a ir, así que para os que nos estreabamos foi unha experiencia novidosa e memorable. Grazas, Patri! Seguimos aprendendo de ti!
Na súa páxina web, defínese o Culturgal como unha representación do traballo no sector cultural, un punto de confluencia entre as ideas, iniciativas e proxectos que cada día levan a cabo profesionais e entidades, unha cita do sector cultural galego cuxo lema deste ano xirou “ao redor da construción comunitaria da cultura do futuro”.
A feira aglutinou eventos literarios, musicais, cinematográficos e lúdicos que compuxeron unha completísima programación para diversos públicos onde o difícil era elixir; mais iso posibilita que cada un teña a súa propia experiencia do evento, dependendo das actividades ás que asista. Aquí vos deixamos a nosa.
Comezamos por Rosalía Total, un proxecto artellado por Irene Silva e Rita Bugalloque contou coa participación do club de lectura leCRAS, a Fundación Rosalía de Castro, as Cantareiras de Chan, Galiestampa e Wiki Rosalías. Foi emocionante escoitar as palabras de Rosalía nas "linguas acarameladas" (palabras de Anxo Angueira) destas mozas e mozos.
Rosalía a ritmo de rap coas Wiki Rosalías (Noa, Sara e Emma)
Despois, xa de
tarde puidemos estar na celebración do 15º aniversario da AGPTI, a Asociación
Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, onde, nun formato interactivo
e dinámico, se falou da intención orixinal da asociación, as condicións de traballo,
o recoñecemento social, e dos obxectivos que teñen para presente e futuro.
De seguido
escoitamos a conversa da xornalista Selina Otero coa escritora Ledicia Costas
ao redor do libro Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta(2016). Ledicia
falou da dificultade de escribir un libro, das tramas que “mastiga na cabeza” e
de que escribe de xeito case obsesivo, durante oito ou nove horas ao día; do
xeito que fai a documentación e investigación; das flores, das abellas, o
océano na súa obra... e tamén houbo tempo para as risas coas anécdotas
familiares relacionadas cos gatos e os coches.
De todos os xeitos, o bonito do Culturgal, é a experiencia integral, o conxunto, e o feito de que tamén a cultura se visibilice, non si?
Alén dos fetichismos, o bonito son os encontros, os reencontros, as conversas, o agarimo, o tempo regalado, a interxeracionalidade e a aprendizaxe. E cando remata a feira, levas para casa os petos cheos de palabras da man ao corazón das que botar man cando comece o inverno... se é que se decide a vir!
Delicadísimos os trazos e as verbas de Dores Tembrás
No comments:
Post a Comment