“Vivir nos corazóns que deixamos atrás é non morrer”
Por que recordamos? Porque así o eliximos ou porque debemos?
O recordo é un repicar de campás caóticas e incesantes nun coro descompasado con cadencia melancólica. Badaladas que se atropelan unhas ás outras obliterando os seus propios ecos e alixeirando a carga do pasado.
Sen recordos, sen memoria, non hai vida. Tampouco se constitúe unha identidade, di Anthony D. Smith. Os gobernos sábeno ben. A política da memoria é estratéxica e delicada pois o futuro a miúdo depende da orde dos nosos recordos pasados e do peso que lles deamos. Os británicos outórganlle un lugar ao recordo o segundo domingo de novembro, no que chaman Remembrance Sunday. É un día de eventos públicos ou privados, formais ou informais para recordar e dar honra aos/ás que se sacrificaron para protexer a liberdade.
Recordar a historia, as vivencias. Pero tamén recordar aos/ás que non están. A evocación, ou a invocación como estratexia para seguir vivindo. Funcionará?
"Dixen entón para min: o que lle toque ó Necio, iso tocarame a min tamén; ¿para que souben tantísimo? - E concluía que tamén isto é un sensentido, xa que:
"A longo prazo non hai lembranza nin do sabio nin do Necio";
"axiña virán os días en que todos os esquezan"
¡Ai! Morre o Sabio coma morre o Necio"
A mensaxe é clara, mais os epitafios rebélanse. En Laxe, coma na maioría dos camposantos, as palabras rexeitan o esquecemento, buscan o legado da memoria e o compromiso do recordo. A perda non é perda mentres se perciba a ausencia.
Unha conexión errática:
- Artigo de El País "La insoportable brevedad de la memoria" (1/1/2018)
No comments:
Post a Comment