Tuesday, January 2, 2018

Letters in Exhibitions: "Galegos en Mauthausen"

Dachau, Bergen-Belsen, Buchenwald, Auschwitz, Mauthausen. Só os nomes soan a meigallo maléfico, portais á dimensión do horror. 

Mauthausen-Gusen foi un dos complexos de campos de concentración máis grandes da zona nazi de Europa, con catro campos principais en Mauthausen-Gusen e arredor de 50 subcampos localizados por toda Austria e o sur de Alemaña. Campos de escravitude, terror e morte, catalogados como campos de "Grao III", ou sexa, os máis duros para os "Inimigos Políticos Incorrixibles do Reich".

Ata o 29 de decembro houbo unha mostra no vello cárcere de Lugo presentada pola Asociación Galega de Amizade con Israel (Agai): "Galegos en Mauthausen" Xa vos falaba deste edificio nesta anterior entrada a conto da exposición de arte contemporánea “Dende o panóptico: cada cela unha fiestra”. É un lugar que sempre paga a pena visitar.

Esta mostra de Mauthausen constaba de  44 fotografías que sintetizaban a experiencia dos 177 galegos que acabaron internados no campo de concentración austríaco. Aínda que proviñan de diferentes provincias, a maioría deles, uns 18, eran das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.




A exposición amosaba documentos, cartas e fotografías destes galegos que levaron o triángulo azul dos apátridas cosido no uniforme. Algúns pertenceron a rexementos da resistencia que se uniron ás milicias francesas cando comezou a guerra. Uns 9.000 republicanos foron enviados a campos de exterminio (lager), de presos (stalags) ou, peor aínda, ao Castelo de Hartheim, onde eran gaseados despois de ser sometidos a experimentos científicos.  

Para os que sobreviviron, a vida despois de ser liberados tamén foi dura, pois estaban en terra de ninguén. Como apátridas, non podían volver á España franquista e era difícil instalarse en Francia. 

Houbo arredor de 190.000 prisioneiros/as en Mauthausen-Gusen, e deses/as, polo menos 90.000 foron asesinados/as. Algúns deles, da nosa terra. Mostras coma esta doen, pero contribúen á nosa educación histórica e política.  






A raíz desta exposición, descubro que hai un libro, Galegos en Mauthausen, froito da labor de investigación do historiador Enrique Barrera Beitia. Aquí vos queda unha peza audiovisual realizada por Xosé Abad e Sandra García Rey sobre os presos galegos en Mauthausen onde Barrera dá máis detalles.



Para saber máis:
  • Artigo en El Progreso (29/11/2017)
  • Entrada na bitácora Viva Lugo (Nov.2017)
  • Nova na web do Concello de Lugo
  • Artigo en El País (10/08/2011)

No comments:

Post a Comment