Monday, January 15, 2018

Word Buffs (I): Antía Marante


Antía Marante Arias defínese como rata de biblioteca na escola, lectora voraz na mocidade, lectora pautada nos estudos, lectora de galeradas, lectora crítica de poesía, lectora de galego no Báltico, lectora de libros de texto e clásicos adaptados, lectora libre...



Would you like to listen to this word buff reading a text of her own?




Comezou a gustarche ler...
Desde as primeiras palabras lidas, creo. Foi importante poder entender todo canto aparecía escrito arredor... O primeiro conto que lin estaba feito das palabras soltas que ía vendo na rúa. Líase moi ben daquela, paseando da man das miñas e dos meus e procurando novos significados cos ollos abertísimos.

Ti como nena ou adolescente lectora
De nena xogaba cos libros, pintábaos, practicaba as letras neles. Pouco a pouco funos respectando doutro xeito e pasaron a acomodarse na mesiña de noite e nas mochilas das excursións. Lémbrome lendo de pequena durante os longos almorzos de fin de semana, tamén me lembro como lectora adolescente de praia, estomballada na area polas tardes ata que o sol marchaba e había que volver a casa.

Un libro ou varios ao mesmo tempo?
Prefiro rematar unha aventura antes de comezar a seguinte. Instálome ben instalada e despois collo as miñas pertenzas e marcho a onde toque.

Mercar os libros ou lelos prestados?
Cando podo, merco libros, sobre todo edicións concretas que quero gardar na miña colección. Tamén leo os que me prestan e vou ás bibliotecas.

Gardalos ou deixalos ir?
Os libros que algo significan pasan á colección e gárdoos como alfaias. Eses libros a miúdo piden ser compartidos entre a rede de lector@s que me acompaña, sempre tento que toda descuberta que pague a pena chegue aos que quero. 

Ás veces deixo ir libros porque sei que van estar mellor noutras casas, outras veces vanse eles mesmos porque xa me contaron todo o que tiñan que contar e teñen que continuar o camiño.

Lugares para ler
No sofá, na cama antes de durmir, nos avións, nas terrazas, nos cafés... Para min non é tanto o lugar, senón poder ter un tempo por diante para esa desconexión.

A lectura – en solitario?
A lectura en solitario está ben pero cando compartes afección e les acompañada a maxia multiplícase.

Rituais lectores
Escoller o marcapáxinas axeitado e deixar que o libro fale, sen xulgalo. Tento acomodarme ben nel antes de poñer a marca na páxina e pechalo ata o día seguinte. Gústame sentir que fun quen de pillarlle o ritmo. Así sinto que teño un lugar ao que volver, coma se botase unha áncora na historia para retomala sen esforzo o antes posíbel.

Que estás lendo agora?
Agora mesmo estou lendo Juliette de Camille Jourdy.


Que lerás despois?
Continuarei con La librería de Penelope Fitzgerald.

En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?
Deixo de ler un libro cando os ollos voan por riba das páxinas e non quedan prendidos en ningunha palabra. Agora son moito máis selectiva co que leo así que non me levo moitas sorpresas. Creo sempre hai que dar segundas oportunidades, se a autora paga a pena e o tema me resulta suxestivo. Ás veces non é o libro, es ti e o momento en que te atopas.

Que libros están na lista de "reler"?
Momo e A historia interminable de Michael Ende.
La plaça del Diamant de Mercè Rodoreda.
Todos os contos de Clarice Lispector.
Adeus, María de Xohana Torres
To the lighthouse e The Waves de Virginia Woolf
O vixía no centeo de J.D. Salinger
Kitchen de Banana Yoshimoto
As cidades invisíbeis de Italo CalvinoZ-W de Zadie Smith
On the road e os Haikus de Jack Kerouac
Matilda de Roald Dahl
Fahrenheit 451 de Ray Bradbury
Poeta en Nueva York de Federico García Lorca
Querido H.P. Lovecraft de Antonio M. Fraga
Atemschaukel (Todo o que teño lévoo comigo) de Herta Müller
A poesía de Wisława Szymborska
Por si se va la luz de Lara Moreno
Moitas poetas, de todos os tempos e lugares
Moitas letras de cancións
Tantos...

Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería... 
O diario de Ana Frank

Un libro que se che resistiu  
A conxura dos necios de John Kennedy Toole.
Non gardo boa lembranza del, haberá que darlle unha segunda oportunidade.

O libro que máis regalaches 
84, Charenton Cross Road de Helena Hanff

Unha cita/un verso

A poem doesn´t do everything for you.
You are supposed to go on with your thinking.
You are supposed to enrich
the other person's poem with your extensions,
your uniquely personal understandings,
thus making the poem serves you”.


Gwendolyn Brooks, “Song of Winnie”

Autores/as favoritos/as?
Mercè Rodoreda, Carmen Martín Gaite, Herman Melville, Roald Dahl, Ray Bradbury, Clarice Lispector, Wisława Szymborska, Herta Müller…

Ler en galego... sempre. Desfruto especialmente de asomarme ás poetas e ás escritor@s de literatura infantil e xuvenil máis recentes.

Completa como che pete:

· O cómic para adestrar os ollos.

· O ensaio para aprender sen fin.

· Os libros infantís e xuvenís para non deixar de ser nena e moza.

· A novela para ser outr@s.

· A poesía para vivir mellor.

· O teatro para sentirse parte.

Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura.
Lémbrome de pequena xogando, cun libro do revés posto na cabeza. Teño unha foto dese instante, véseme feliz ao descubrirlle un novo uso a ese obxecto. Creo que xa intuía que os libros ían ser bos compañeiros de xogos de alí en diante, e unha constante tamén.

Tamén me lembro preparando a maleta para pasar os veráns da adolescencia en Xalfas. Procuraba os libros nos andeis da casa, na colección feita con moito agarimo e curiosidade pola miña nai. Alí había moitos clásicos, moitas autoras e tamén libros ben curiosos.

Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha ou hai períodos nos que prefires non ler?
A verdade é que sempre estou a ler, sexa por traballo ou por gusto. Adoito reservar as novelas máis longas para o verán e cando hai menos vagar boto man doutros xéneros para seguir conectada a algunha nova lectura. Sempre hai trucos para non perder a práctica.

Les porque... Lendo aprendo e me (re)coñezo.

Escribes algo? O que?

Escribo moitas listaxes: de tarefas, de libros por ler, discos por escoitar, series e filmes por ver, postais que mandar, proxectos que desenvolver... Entre tanta listaxe vaise coando a escrita dalgún poema.

Escribes para... prender sensacións vividas, para fixar outras que nin sequera vivín pero intúo noutras/os.



Outra cousa que queiras contar 
Coidado cos libros! Son poderosísimos! Foron quen de unir, por exemplo, a dúas descoñecidas que compartían días nunha cidade grande e ruídosa...
Grazas, Diana, por todas as letras compartidas naquela viaxe. Tamén por convidarme a esta bitácora tan especial.

Para saber máis:

No comments:

Post a Comment