Wednesday, January 17, 2018

Epitaphs (XVII): Posthumous Letters in Paris (II) Montmartre







Montmartre é un dos camposantos situados nos catro puntos cardinais de París a comezos do século XIX. Abriuse no que era unha canteira de cal localizada ao pé de Butte Montmartre e recibiu varios nomes antes do actual: Cimetière des Grandes Carrières, Cimetière de la Barrière Blanche e Cimetière du Nord. O feito de estar nunha canteira explica que haxa unha estrada que o atravesa, un viaduto que o cobre (Pont Caulaincourt) e tamén que o cemiterio estea situado por debaixo do nivel da rúa, nunha especie de fosa enorme que non é fácil de atopar. A propia entrada non é intuitiva, hai que acceder baixando as escaleiras ás que se chega desde 20 avenue Rachel (preto de Boulevard Clichy). Unha vez dentro, a xustaposición de elementos antigos e modernos é intrigante: a ponte urbana moderna e os edificios do fondo contrastan fortemente coas tumbas cubertas de musgo.

O cemiterio de Montmartre abriu no 1825, pero xa se usaba como fosa comunal cando era unha canteira, durante a Revolución Francesa. Hoxe en día abrangue unha extensión de máis de 11 hectáreas e contén unhas 20.000 tumbas, constituíndo a terceira necrópole en tamaño despois de Le Père Lachaise (do que vos falei aquí) e do Montparnasse.

Atoparedes monumentos funerarios extraordinarios e grandiosos, outros extravagantes, e outras tumbas modestas. Tamén tedes personaxes notorios enterrados aquí: Dalida, Edgar Degas, Alexandre Dumas, Francois Truffaut, Léon Foucault, Edmond de Goncourt e Adolphe Sax entre outros.

Entraredes no cemiterio aínda conmocionados polo preludio da visión de Marcel Aymé atrapado no muro e inmortalizado polo actor e escultor Jean Marais (1989). 


Igual tirando fortemente da súa man o poderiamos arrincar do seu cárcere de pedra. 

Igual chegaredes ao camposanto despois de visitar a casa de Dalida na rue d'Orchampt, o refuxio desde onde a diva vía todo París. Igual lle adicaredes unha pequena homenaxe cantaruxando para vós Paroles... paroles...Parle plus bas, ou Gigi L'amoroso.

Tumba de Dalida
Case na entrada iredes bater ca muller de vida triste, cos ollos pechados a un sol que non amornece o seu corpo de pedra. A muller que deita aos seus pés o corazón de flores brancas, irradia a súa propia luz, a luz dese sol de Exipto que a viu nacer un día coma hoxe (1933). 

O 3 de maio de 1987, tras unha carreira de éxitos e unha vida persoal fatídica (tres das súas parellas e un bo amigo se suicidaron) ela mesma se suicidou, deixando unha nota que lía: "La vie m'est insupportable... Pardonnez-moi".

Seguiredes o pavimento empedrado que vos levará de tumba en tumba. Colofóns gravados no calendario das faltas. Recordatorios pétreos do aniversario nimio da ausencia.

Tumba de Jean-Baptiste Greuze, pintor
Tumba de David Iffla, "Osiris", cuxa biografía merece unha lectura
Sabiades que desde 1978 L'Ecole du Chat protexe os gatos errantes do cemiterio de Montmartre?
Tumba do pintor Victor Brauner, coa dobre face do ceo e da terra
Tumba da bailarina Ludmila Tchérina






Unha chorona mostra o camiño que leva á tumba de Meilhac

Tumba de Jean Bauchet



E por último, neste pequeno vídeo podedes ver a excentricidade do camposanto de Montmartre. Trátase da tumba do endocrino e psicoanalista Guy Pitchal, máis coñecido polos clientes que tivo que pola súa propia fama. A mesma Dalida acudiu a el nun periodo tráxico da súa vida. A estatua funeraria, como nos indicou o xardineiro, é un trompe l'oeil. Guy séguenos coa mirada e con ese sorriso un tanto desacougante que parece dicirnos: "Il est temps que vous partiez".

Para saber máis:
  • Bitácora Montmartre-Secret, que ten un apartado dedicado exclusivamente ao cemiterio con máis de 70 entradas moi detalladas.

No comments:

Post a Comment