Xa o ano pasado vos falaramos da Maker Faire Galicia (nesta entrada), unha celebración do "movemento maker" que enfatiza o emprego de hardware libre e actividades orientadas á enxeñería coma a electrónica, a robótica ou a impresión 3D, así como as súas interseccións coa metalurxia, a caligrafía, cinematografía e programación. A cultura maker céntrase na aprendizaxe activa (aprender facendo), social e informal e, neste senso, aproveita as posibilidades que ofrece a rede para compartir ideas, espallar inspiración e formar comunidades.
Este ano, o evento tivo lugar na Cidade da Cultura do 24 ao 26 de novembro, e de novo foi unha oportunidade de ver o que se está a facer no mundo maker e de aprender do seu savoir faire.
Unha das charlas máis esperadas foi a de Richard Stallman. Nesta ligazón podedes ler a súa biografía completa, pero basicamente é o pai do sistema operativo GNU, no que leva traballando desde 1983. É un sistema operativo de software libre e vai unido, segundo Stallman, a un movemento en defensa do software libre en xeral.
Comezou indo directo aos perigos aos que nos expoñemos co emprego de redes sociais e de mensaxería como Facebook, Instagram ou WhatsApp, o que el chamou "un monstro de moitos tentáculos". Tamén analizou os sitios de distribución que non permiten as descargas de copias ou si o fan pero con software privativo (incluído Youtube).
Falou ademais das licenzas Creative Commons e da importancia de empregalas no material de creación propia que compartimos, en especial da licenza CC BY-SA 3.0 ES. É algo que todos deberíamos ter en conta, especialmente os que divulgamos información na rede (coma nesta bitácora) ou os docentes que creamos material para emprego na aula ou para compartir con outros a través de licenzas de formación, por falar de dous ámbitos cercanos.
Revisou tamén a diferenza que establecemos en castelán entre software libre e software gratuíto, que non se fai en inglés ao empregar o termo free software. Para máis información sobre este aspecto, convídovos a ver o seguinte vídeo:
Despois, Stallman advertiunos sobre produtos e servizos privativos que espían ao usuario, como é o caso de Amazon ("Amazon swindle"), Android (moi diferente de GNU), Über e mesmo AirBnB.
Falounos tamén da importancia do copyleft (un concepto que inventou o propio Stallman, se ben non o termo); e das diferenzas entre o software libre e o código aberto. Stallman invitounos a empregar software libre sobre todo no ámbito educativo, xa que é unha elección política e ética que afirma o dereito a aprender e a compartir o que se aprende con outros.
Para rematar, fixo gala do seu sentido do humor e da súa faceta cómica (que tamén podedes descubrir na súa web, por exemplo as "puns" que ten en español) facendo un xuramento como San IGNUcio, que tamén podedes ler aquí.
Cambiando de espazo, desde Ocionautas propoñían unha "escape room" que tan de moda están agora. Para aqueles/as de vós que non as coñezades, as escape rooms teñen a súa orixe nun xogo de adultos, mais agora levan un tempo adaptándose con fins educativos: caixas pechadas con candados que só se poden abrir despois de descodificar verbos, resolver problemas matemáticos ou enigmas científicos.
É un exemplo claro de ludificación na aula e un xeito moi ameno de adaptarse ás necesidades dos nosos estudantes, sexa nun ambiente analóxico ou dixital. Son unha forma innovadora de levar á aula a tecnoloxía e o pensamento crítico cun dobre beneficio: o xogo funciona como un elemento altamente motivador; e por outra banda, os elementos colaborativos axudan ao alumnado a desenvolver as súas habilidades sociais.
E para o final gardo o mellor, a que foi a miña parte favorita: A exposición do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra. Presentaban dous proxectos, un de farolas solares e outro de micrófonos direccionais.
Brenda e Teresa |
Brenda e Teresa contáronme como alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato traballaron neste proxecto no cal analizaron como os paneis solares se instalan de forma estándar, co cal non se aproveita toda a enerxía potencial que se podería xenerar. O que fixeron foi estudar as horas de luz de cada país e analizar a inclinación necesaria dos paneis para absorber a maior cantidade de enerxía, e logo eses resultados aplicalos ao deseño dunhas farolas sostibles para as que mesmo diseñaron un manual de instrucción para os instaladores. Brillante!
Sonia, Míriam, Raquel e Carlota |
Pola súa banda, Sonia, Míriam, Raquel e Carlota, alumnas de 1º de Bacharelato explicáronme o funcionamento dos micrófonos direccionais, paraboloides de microplástico, poliestireno e fibra de vidro, que estaban feitos algúns deles con impresión 3D. Foi un proxecto no que traballaron o ano pasado na aula de matemáticas.
A verdade, foi unha marabilla. Primeiro, ver a tantas rapazas interesadas nas ciencias; e segundo, escoitar as súas explicacións detalladas, que mostran que non só fixeron as cousas, senón que ven o sentido global do proxecto, estiveron implicadas nel e gozaron da experiencia.
Parabéns, rapazas, polo voso traballo e que os vosos soños académicos en medicina, física e química, etc se vos cumpran. Be the makers of your own dreams!
No comments:
Post a Comment