Thursday, December 28, 2017

The Heart in Books: Herbario

É unha tradición. Chega a fin de ano e tanto as redes sociais como os medios se enchen de vídeos, noticias e textos tipo year in review. Non fai falla ter un doutorado en socioloxía para saber que somos unha especie á que nos gusta facer listaxes do que sexa. Neste caso, unha lista de todo o bo e o malo que se acumulou nun período de doce meses para facer balance e avaliación.

Propóñovos un exercicio parecido pero na liña mcewaniana do golpe na cabeza. Di McEwan que á hora de ler, debes elixir algo que te fira, que te acoitele. Pois veña, combinemos listaxe con lectura. Collo Herbario (2006), de Sándor Márai, traducida ao galego por Fernando de Castro García nunha primorosa edición de Rinoceronte. Collo o libro e leo. Avalíome. Pun, pun (Golpe) Ras-ras (Coitelada) E a seguir.



Falamos xa do escritor húngaro a conto doutros dous textos (La mujer justaEl último encuentro), mais Herbario é ben diferente. Un libro que podedes atopar na Biblioteca Pública Ánxel Casal  e que  contén 202 reflexións sobre situacións coas que nos encontramos na vida. Ábrese con grandiosidade, cunha dedicatoria a Séneca, Epicteto e Marco Aurelio. Un libro que se declara "sincero" e que "non falará de grandes ideas nin de heroes, senón só de todo aquilo relacionado co ser humano. (...) non quere ensinar, senón aprender (...) dos sinais que a vida nos amosa, e con isto refírome á palabra escrita, ao corazón humano, ás herbas e aos sinais do ceo, a todos eles, porque é todo isto xunto o que forza o destino do ser humano" (pp.11, 12).

Do valor da vida
"E cando falo de vivir dun xeito humano quero dicir vivir con xustiza. No fondo mesmo de cada un dos teus actos e palabras a intención ha de ser a mesma: non ferir a ninguén, intentar (non para destacar ou por vaidade) axudar aos demais, o cal ás veces podes facer simplemente non calando as verdades máis sinxelas, ou non repetindo as mesmas mentiras que contan os demais" (p.13)
De como cómpre vivir e escribir
"... hai que vivir e ler coma se cada un dos nosos actos fose o derradeiro da vida, coma se fose a morte a que puxese o punto final de cada unha das nosas frases (...) Cómpre vivir e escribir con plenitude, é dicir, con acougo, e prestando moita atención" (p.15)
Do carácter humano
"Ocasionalmente, ao longo da nosa vida, recorremos a barbas postizas e poñemos disfraces pero, antes ou despois, nun momento ha de caer a máscara e amosar a realidade. Un movemento, unha palabra, unha simple acción ao final revela o noso verdadeiro carácter: o baile de máscaras non pode durar para sempre. E ese momento, o encontro coa verdadeira esencia dun carácter, é a mellor vivencia da que podemos ser partícipes" (p.17)
Da indolencia
"O home que lle declara a guerra ao mundo só movido polo interese da súa propia tiranía non é tan perigoso coma a educada e cabal mediocridade, aparentemente inofensiva, así coma os que optan polo compracente termo medio, a covardía e o preguiceiro egoísmo. E isto é pecado mortal. Este tipo de xente fai que o mundo sexa como é, e a el lle debemos que despois deste tipo de experiencias nos despidamos do mundo no momento da nosa morte sen grandes lamentacións" (p.37)
Da lectura
"Cando leas, le intensamente. Máis incluso: intenta ler con maior intensidade da que o propio autor puxo na súa obra. Le con entrega, paixón e atención, implacablemente. Se cadra, o autor utiliza demasiadas palabras, mais le só as xustas. Sé parco en palabras cando leas. Concéntrate en cada verba, unha tras outra, para adiante e para atrás, escoitando atentamente o libro, segundo as pegadas que te conducen á súa parte máis profunda. Préstalles atención aos sinais secretos que o propio autor non percibiu e deixou escapar conforme avanzaba na inmensidade da súa obra. Non leas xamais con desprezo (...) Le con elegancia e sobriedade. Le coma se estiveses no patíbulo e o libro que tes nas túas mans fose o último que che levou á túa cela o carcereiro. Le coma se fose unha cuestión de vida ou morte, porque a lectura é o mellor regalo do ser humano. Ten en conta que de todos os seres vivos, o ser humano é o único que le" (p.78)
Da "etiqueta" dos movementos
"Cando fales, que a túa palabra permanezca solidamente no tempo, coma unha pedra, e se te aledas de algo, alédate sen reservas, non te reprimas nas túas expresións de alegría. Saber vivir ten o seu aquel, cómpre ser un artesán da rutina, o día a día tamén ten o seu truco (...) Aprende este mester, a vida, e faite mestre dela con cada movemento e cada feito" (pp.100, 101)
Da auténtica estupidez
"Existen diferentes tipos de estupidez: hai persoas ás que, a pesar de seren intelixentes,  apagóuselles a luz na alma porque naceron e se criaron nunhas condicións de vida desafortunadas (...) Ademais, hai idiotas que non son máis ca víctimas do seu contorno, e destes hai que ser compaixón. Porén, hai poucos estúpidos auténticos, e por iso son tanto máis perigosos e sen solución. O home é un ser intelixente por natureza,  e precisamente por iso cómpre observar esa auténtica, oscura, e insalvable estupidez cun interese tal coma se se tratase dun ancestral e estremecedor fenómeno da natureza, coma o cuxo de dúas cabezas, coma un deformado e incomprensible capricho da natureza que, literalmente non ten sentido ningún, pois a verdadeira estupidez non ten solución (...) O que cómpre saber é que resulta aconsellable evitar de todos os xeitos posibles os verdaderos idiotas: hai que defenderse deles sen que se note demasiado. Aconsélloche que non os intentes convencer, porque non son boas persoas (...) Son un destino inevitable, e hai que soportalos" (pp.136, 137)
Da escolla e da fidelidade
"Pénsao ben antes de coller un libro e empezar a lelo (...) Le con consecuencia e fidelidade e elixe con moita atención, pois estás agasallando ao libro cun fragmento da túa vida e da túa razón" (p.178)
Da proba de fogo da realidade
"Cando escribas, pronuncia cada unha das túas verbas de feito que superen a proba de fogo: a da realidade e o mundo. Se cada este é o segredo da escritura e da vida. De pouco serve que deas coas palabras xustas no universo literario se non dan sobrevivido cando saen ao mundo real" (p.225)
Do corazón
"Porén, heiche de dicir que mentres creas que nalgures latexe por ti un corazón, non dubides en perdoar á xente. O feito de que exista un só corazón humano que, sen egoísmo ningún, sinta algo por ti é abondo para perdoarlles a todos aqueloutros corazóns que coñeciches cheos de egoísmo e maldade, é abondo para perdoares ao resto do mundo" (p.233)

No comments:

Post a Comment