Sunday, March 18, 2018

Hands in Exhibitions: "O eco das amazonas"

Baldomero Moreiras expón a súa última obra nunha exposición titulada O eco das amazonas [Retablo-Pavana para unha Muller Oculta] no Centro Municipal José Ángel Valente (Ourense). A mostra estará aberta ata o 12 de abril, e está dinamizada cunha serie de actos que enriquecen a experiencia para os/as visitantes: conferencias, recitais e concertos. 

A exposición é un tributo a mulleres máis ou menos descoñecidas. É un cosmos xinocéntrico de lisos perfectos nas superficies regulares dunha colección de esferas policromadas.

Sentímonos Dante, Copérnico, o Principiño. Exploramos universos xerarquizados e intrincados mutuamente, planetas que foron explotados, colonizados, degradados ou esquecidos. Permanecemos  conmovidos na beleza estimulada pola luz que reflicte nas cores, na envoltura de ilusión e aire e bañámonos na sensación de proximidade, na temperatura cálida do ventre, na plétora de vida para resistir o grotesco.

Baldo, o gran cosmógrafo, une terra e estrelas. Arríncanos das ventás e dos espazos limitados e  regálanos a poética da esfera. Cúpulas, exteriores ricos en detalles que nos levan a soñar cun mundo redondo, un refuxio cósmico. Un espazo para comprender e habitar, nunca para dominar nin conquistar.

Nas esferas non hai finais, todo final é un inicio. En torno a un círculo podemos trazar outro, nunha espiral de travesías infinitas e descubrimentos sen cartografiar. Con cada ollada refacemos o cadro. As bóvedas do exterior son baldaquíns dos soños, o centro agradable, a magna commoditas

O negro das letras recórdanos a brutal realidade. Celebra a súa victoria sobre as cores das esferas no hiperlibro das historias que gardan o tesouro da verdade. Ou non. Quedamos pensando no interior, nas formas ocultas, nos abismos que conteñen eses globos máxicos.

Cantos Raskolnikov que fixeron o que quixeron e se arrepentiron. Ou cantos Sade que fixeron o que quixeron e non se arrepentiron. Cantos Ahab luciferinos que andiveron perdidos, sen saber que Moby Dick era a resistencia eterna e a vida insondable. Era, como son as esferas de Baldo, unha realidade que aspira a ser transfigurada, o paradigma das rexións non habitadas que só podemos coñecer polas resonancias, os ecos. 

Coma os da frauta doce de Irma Fernández Alonso e a vihuela de Juan Manuel Vázquez. Corcheas e silencios que guiaron a asemblea antropolóxica nunha expedición onde a preeminencia era da viaxe. 

As esferas do chan e as paredes bicaron o ángulo dos nosos globos oculares mentres as cordas brincaban entre a xeometría e a música. No canvas infinito da esfera buscamos orientación na arquitectura redonda do rostro e as almas de tantas esquecidas. A brúxula multiperspectivista que nos guiase alén do envoltorio, cara o corazón delas.




























Para saber máis:
  • Páxina web de Baldomero Moreiras
  • Artigo en La Región (23/2/2018)
  • Artigo en La Región (21/2/2018)
  • Artigo en La Voz de Galicia (21/2/2018)
  • Vindeiros actos programados: 4 de abril ás 20:00 conferencia de Xosé Carlos Sierra "Se non é vero é ben trovato: as amazonas de Baldomero Moreiras" e 12 de abril ás 20:00 conferencia de Manolo Menor Currás: "Ensino e Misoxinia".


No comments:

Post a Comment