Thursday, March 15, 2018

Letters in Exhibitions: "Illuminating Letters"

A rúa Buchanan, nomeada así polo empresario tabaqueiro Andrew Buchanan, atópase no corazón de Glasgow e desde o século XIX gañouse a reputación de ser a rúa da elegancia e as compras refinadas. Ségueo sendo hoxe en día, de feito é coñecida como "the style mile" (a milla do estilo). Os edificios son impresionantes e destaca especialmente o Princess Square Shopping Centre, co seu pavo real de aceiro, un dos múltiples expoñentes do art noveau na cidade.

Se buscades unha das interseccións, Mitchell Street, atoparedes unha xoia inesperada: The Lighthouse. O edificio foi o primeiro encargo público de Charles Rennie Mackintosh, arquitecto, deseñador e artista. Algúns considéranno o maestro do art noveau no Reino Unido e outros o último gran arquitecto victoriano. Para min era un descoñecido antes da visita a Glasgow, pero a través das súas obras (non só edificios, tamén xoias, deseños, pinturas, xarróns, gravados en madeira, etc) descubrín un virtuoso,  un xenio.



The Lighthouse é un centro de deseño e arquitectura que antes se coñecía como Glasgow Herald (1893-1895). Un edificio pintoresco que se describe do seguinte xeito no libro Charles Rennie Mackintosh. Architect, Artist, Icon (2015):

"The stonework on the façade is well worth a close look - the restless, lively detail, the windows bowed and canted back to the reveal the thickness of the wall, the playful moldings and strap work. Identical floor plates are faced with quite different windows as you progress higher, windows and moldings begin to melt in the Art Noveau sun... "(p.81)
O edificio, que se pode visitar de balde, adoita ofrecer exposicións temporais moi interesantes. Neste caso, puidemos visitar unha exposición con motivo do 150 aniversario de Mackintosh ademais de O Street, Alasdair Gray. Facsimilation. Before and After: The reworking of a 1965 mural, e Illuminating Letters.

Todas elas merecen unha visita pero centrarémonos nesta última. Illuminating Letters é parte do programa para conmemorar a figura de Charles Rennie Mackintosh. Toma como punto de partida a relación que tivo con Margaret MacDonald e a visión que el tiña de que ela era a súa forza creativa, algo que lle revelou nunha carta privada.

Tomando esta carta en particular, e outras do arquivo Hunterian's Mackintosh, a exposición afonda no sentido das cousas reveladas e descubertas, expresadas con imaxes de flora e fauna exótica combinadas con polvo de diamante, metais preciosos e texto da correspondencia entre Siobhan Healy e Sir David Attenborough. Un xeito de mostrar a valía, a transitoriedade e o carácter etéreo das historias persoais.










Ademais das exposicións temporais, The Lighthouse ten o engado dunha escaleira de caracol central que dá acceso a un mirador con vistas. O lugar ideal para enxergar a vila antes de explorala polo miúdo.






No comments:

Post a Comment