Jules Verne énos coñecido por ser o creador de Phileas Fogg e o Capitán Nemo, por evocar covas subterráneas e deseñar obxectos marabillosos a gran escala como globos, submarinos, helicópteros, o canón Anti-Topsy-Turvy que, ao ser disparado, estabilizaba as estacións; ou o steam elephant, un aparello mecánico de tamaño paquidérmico onde o enxeñeiro Banks viaxaba polo norte da India. Alén destes inventos, a súa escrita combina de xeito único a precisión pseudo-técnica cun golpe metafórico case surrealista e ten a capacidade de enganchar á ciencia ficción mesmo aos lectores alleos a este xénero.
A súa biografía é tamén intrigante. Naceu no porto francés de Nantes en 1828, no seo dunha familia acomodada. En 1839, tentou fuxir da casa nun navío que se dirixía á India. Seu pai interceptouno en Paimboeuf, e supostamente fíxolle prometer a Jules: "Je ne voyagerai plus qu'en reve" ('Non viaxarei máis que nos meus soños').
Porén, hai un mundo menos coñecido do escritor francés, un dos seus “Voyages Extraordinaires,” que rivaliza en interese coas viaxes das súas novelas. Trátase da novela de Ledicia Costas Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016). Unha historia que comeza "o 21 de maio de 1884, cando o Saint-Michel (o iate de Jules Verne) arribou (...) en Vigo, (...) debido a unha suposta avaría na caldeira" (p.18). Unha historia narrada por alguén que gardou "máis de cento trinta anos de silencio, nos que non houbo ningunha persoa que se atrevese a desvelar o inquietante e marabilloso segredo que oculta a cidade de Vigo e que atraiu ao excéntrico novelista (...)" (p.20).
Jules Verne, un segredo centenario e Vigo, a cidade de Vigo, como telón de fondo desta historia, que sobresae cun carácter propio, onde camiñaremos da man de personaxes tamén con segredos, coma o avó Philipot (p.33) ou Antonio Sanjurjo Badía e a súa fábrica La Industriosa (p.53):
"Vigo é unha cidade con arterias, pulmón e toda unha estrutura ósea que a sostén. O seu corazón é azul e os devanceiros puxéronlle o nome de Atlántico. El é quen expande o recendo salgado por toda a costa, coma se albergase no interior das súas aguas un artefacto anexado por misteriosos e incansables animais mariños que nunca deixan de bombear coas súas patiñas, mentres exhalan burbullas de aire" (p.11)
"Vigo é unha criatura poliédrica e marabillosa, unha criatura que medrou ata alcanzar a idade adulta" (p.12)
Nesta cidade daranse cita unha estirpe de mulleres que len, curiosas e aventureiras, despuntando entre elas Violeta e o seu amor polos libros:
"... libros. Teño un cofre cheo deles. Como non sabe ler, ás veces, en lugar de novelas merca libros de mecánica ou ciencia. Outras, agasállame libros en linguas que non entendo. Teño de todo!" (p.32)
E de libros vai tamén esta historia, pois será crucial o Libro das mulleres planta (p.85) para atopar a Fraga das mulleres planta, a "onde as mulleres da súa estirpe debían ser trasladadas cando chegase o momento" (p.86). E se falamos de mulleres planta, non podemos esquecer as nepheas, pois "(...) a vida das mulleres planta dependía totalmente da vida da criatura (...) eran as súas almas" (p.45).
Non é fácil ser muller planta, como demostra o caso de Melisa (p.41):
"É moi duro pasar unha vida enteira pensando que es única no mundo, que non hai outras coma ti que poidan comprender o que supón ter corpo de muller e alma de planta" (p.143)
ou o xeito de vivir a metamorfose das mulleres africanas (pp.144-145). Porén, acudimos ao descubrimento de toda unha estirpe de mulleres planta viguesas (Azucena, Violeta, Melisa) e alén disto, o feito de que a estirpe é mundial (p.133).
Dá que pensar o libro, e pasado o éxtase da fantasía, quedamos pensando nesa soidade das mulleres planta, que teñen un don e semella unha maldición; na simboloxía das raíces; de deixarnos dominar pola nosa parte "vexetal" e rematar os nosos días nunha fraga rodeadas dunha familia de mulleres con corazóns no ventre, onde moran as nepheas:
"Os espazos e lugares teñen a alma das persoas que os habitan (...) Entón, decatouse de que o seu corazón xa non estaba no peito. Agora latexaba no seu ventre, naquel acubillo onde moraba a súa criatura" (p.179)
É literatura xuvenil, si, mais escapa da súa talla, pois as capas de lectura agroman sen parar coma as follas na cabeza de Melisa: O que implica ser diferente, a importancia da comunidade, os lazos familiares, a morte, e mesmo o sentido da vida.
Dicía Ray Bradbury: "Todos somos, dun xeito ou outro, fillos de Jules Verne". Ledicia Costas éo sen dúbida, e os capítulos do libro semellan, coma os de Verne, a bitácora dunha excursión prolongada ("Onde Jules e Pierre visitan o taller do empresario Sanjurjo Badía" (p.49)). Verne empregou máis de 4.000 ilustracións nos seus "voyages extraordinaires", e tamén Costas inclúe contadas pero fermosas ilustracións con función semiótica e didáctica (do Merveiulleux Nautilus (p.70), da Nepheas Viola Odorata (p.95) ou o mapa da fraga (pp.8, 9)). Finalmente, se Verne facía unha conxugación de ciencia ficción cunha dose de ciencia mesturada cunha prosa poética e cativadora, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta ten tamén esa atractiva mistura.
Déixovos cunha manchea de citas do libro e agradezo a Raquel Pastoriza un agasallo fermoso, dos que chegan ao corazón.
"Ela escribiulle ducias de cartas que xamais chegaron ao seu destino, que arderon unha a unha entre a leña da cociña de ferro da súa casa sen que ela sequera o sospeitase" (p.130)
"Jules Verne déralle a oportunidade de empezar de novo. E non só iso: tamén mudara a cor do seu corazón. Agora xa non era negro. Agora era azul, coma os océanos do mundo" (p.153)
"(...) Jules Verne acababa de confesar de xeito velado que aquelas estrañas e marabillosas aventuras que escribía non eran tan fantásticas como parecían. Que o realmente fantástico e inverosímil era a vida en si, a marabillosa aventura de vivir" (p.136)
"Porque hai viaxes das que nunca se volve por completo, travesías nas que deixas unha parte tan importante de ti que pasas o resto da túa vida recordando iso que che falta" (p.232)
Boas Ola Diana , estive mirando o titulo do Libro de Jules verne e a vida secreta das mulleres planta , non coñezo este libro , pero debe ser interesante , cando remate de leer outros libros que teño , vou mira-lo , e perdoa o meu galego que teño ...e nivel basico.
ReplyDeleteVouche escribir un pouquiño sobre a escritura de Rosalia d e castro , espero que che guste :
Deixa que nesa copa en donde bebes as douzuras da vida , unha gota de fel , unha tan soio , o meu dorido corazon esprima .
Comprenderas estonces como abranda a delor as pedras frias , anque abrandar non poida alamas de ferro e peitos homicidas ...
Un saudo e boas noites , graciñas .