Carlos Rodríguez ensinounos (e ensínanos) as verdadeiras dimensións da xeografía literaria, o que é casar lugares con palabras, paisaxes con versos. A peripateliteratura da man de poetas, escritores/as e eruditos/as, unha experiencia gastroverbal que da para rumiar nela unha vez rematada. E claro, a unha dálle a impresión de que ir a un lugar e non descubrir que palabras leva parellas é perderse a viaxe emocional.
Porén, por veces hai sorte e elixes un destino e unha data na que cadra ben e tes un Cicerone de altura: Alexandre Valinho Gigas, un poeta portugués que se define coma "semi-nómada, na realidade e em pensamento". Un home activo, que organiza eventos do movemento Re-factory, membro do colectivo ANARKITEKTURA, así como do Project Gigas Megaphone Surrealistic Machine.
Ten participado en actos coma Poesia pelas tascas e pelas ruas; Poesía: Oralidade, Liberdade, Sexualidade; Rota das tabernas e Viagem literária. Nós puidemos acompañalo o día 11 de febreiro no ambicioso roteiro literario que nos levou por lugares que inspiraron as historias de grandes escritores ou serviron de contexto para a súa actividade literaria.
O varrido histórico foi exhaustivo: poesía trobadoresca, modernista, presençista, simbolista, realista,... con textos de Don Dinís, Miguel Torga, Mário de Sá-Carneiro, Camilo Pessanha, José Afonso, Vergílio Ferreira, António Nobre, Eça de Queiroz, José Régio, Carlos de Oliveira e Antero de Quental.
Pasamos polos que non se sentiron cómodos no ambiente universitario de Coímbra, como Mário de Sá-Carneiro, que "non coubo en Lisboa nin en Coímbra" ou Antonio Nobre que criticaba a barulheira dos estudantes porque el si quería dedicarse a estudar; e outros que viviron nas casas comunitarias, que se sentiron parte dese fervedoiro de actividade e participaron nas loitas por un ensino máis moderno.
Foi curiosa a indicación que Alex nos deu da separación en "capelinhas" dos grupos artísticos de Coímbra e das cidades portuguesas en xeral onde, a diferenza de París, non houbo ligazón ou diálogo entre as diversas artes, senón que os artistas de cada disciplina (pintura, literatura, etc) se xuntaron en grupos que apenas se comunicaron.
O roteiro foi moi detallado e completo, cos textos escolllidos e recitados con mimo e coa información dosificada en xusta medida. Eu quédome con detalles de dous escritores: Camilo Pessanha e Antero de Quental.
Descubrira a Camilo Pessanha primeiro na Biblioteca Joanina, pero aquí Alex afondou na súa atormentada vida de desamor, dependencia do opio e lonxanía da terra, xa que viviu en Macao. Tamén lle puxo voz a un poema, "Madalena" de Clepsidra.
Antero de Quental, a quen descubrín nas Açores, revelouse aquí dun xeito máis persoal. Contábanos Alex que nas noites de lúa chea se poñía nas escadas da Sé Nova a declamar ou facer disertacións e así foi como Eça de Queirós o chegou a coñecer. No vídeo que tedes a continuación podedes escoitar o texto no que Queirós describe ese encontro, así como outros dous extractos de textos lidos por Alex Valinho.
Anímovos a facer este roteiro por Coímbra se tedes a oportunidade, xa que paga moito a pena! Foi un verdadeiro luxo, tanto polo roteiro en si como pola compañía dos demais asistentes, a quen quero agradecer a axuda e as aclaracións cando non entendía algunha cousa. Gustaríame dar as grazas especialmente a Rui Jacinto, profesor de Xeografía da Universidade de Coímbra, pola conversa posterior e por ensinarnos algúns dos segredos de Coímbra. Tamén ao noso guía de excepción, Alexandre Valinho Gigas, tanto pola viagem da cotemplaçao da cidade co percurso do real e do imaginário, como polo regalo do seu poema. E por suposto, a Carlos Rodríguez por terme contaxiado este vicio dos roteiros.
FIM
Falam por mim os plátanos da rua:
Deixam cair as folhas amarelas,
E ficam hirtos na friagem nua
Como mastros sem velas
(Miguel Torga)
Hotel Avenida, onde Mário de Sá-Carneiro viviu 6 meses |
Vistas desde a Tv. Couraça de Lisboa |
Mas dize tu, ó Mondego,Pois todos levam seu fado,Tu que foges e eu que fico,Qual de nós vai mais pesado?(Antero de Quental)
Ruína do teatro Sousa Bastos |
Casa da Nao (en estado tamén ruinoso) |
Casa comunitaria |
Casa de Carlos de Oliveira |
Casa da escrita |
Sé Velha |
Museu Machado de Castro |
*Os dous poemas (de Miguel Torga e Antero de Quental) incluídos nesta entrada non foron os escollidos para o roteiro, senón que os tomei do libro Encantada Coímbra: Colectánea de poesía sobre Coímbra (2003).
No comments:
Post a Comment