Friday, February 9, 2018

Libraries (III): Biblioteca do Liceo de Ourense

Emprazado en pleno centro, ocupando un fermoso pazo que foi propiedade da familia Oca-Sarmiento (século XVI) atópase o Liceo de Ourense

No 1850, un pouco antes que o Liceo-Casino de Pontevedra e o Círculo de las Artes de Lugo (ambos do 1855), fúndase o Liceo Recreo de Artesanos en Ourense, unha cidade que naquel entón conta con 10.700 habitantes. No 1870 trasládase ao edificio que actualmente ocupa, e desde entón constitúese como sociedade recreativa e cultural pola que pasan diversos/as escritores/as e artistas.



O edificio chama a atención desde a rúa. A fachada ten un balcón central cuns blasóns da familia fundadora. Ao entrar, recíbenos unha porta xiratoria que nos adentra nun patio de columnas pétreas cun delicado traballo de cantería en antepeitos e adornos.

A pesares do decorrer dos anos, o sitio segue conservando un encanto especial coa súa fonte central, as vidreiras do teito e as pinturas restauradas. Ten a consideración de Ben de Interese Cultural e malia ser aínda unha sociedade privada emblema da burguesía ourensá hoxe entende que, alén das aportacións dos/as socios/as, a apertura e a dinamización cultural son cruciais para a súa supervivencia.





Grazas á xenerosidade do Señor Manuel Sueiro, puidemos explorar este espazo luminoso e acolledor e coñecer os usos e a historia das diferentes estancias e dependencias que ocupan os dous andares do edificio: Secretaría, salón de peiteado, sala de xogo, biblioteca, sala de numismática e filatelia, baños e salón de actos.

Sala de conferencias preparada para un coloquio co escritor Xabier Quiroga




Esta escaleira era sempre o lugar elixido para tirar a foto na "posta de largo" das mozas. Ademais, nas noites de timba, o ordenanza podía quedar no primeiro andar, onde estaba a sala de xogo, pois o espello estratexicamente situado no relanzo permitía que vise quen se achegaba e dar aviso aos xogadores.

Vidreira do patio central

Detalle do retrato do Padre Feijoo
Ao entrar na biblioteca un queda atordado pola súa grandeza, os segredos escondidos nos seus arquivos e o encanto desta sala de lectura atemporal. A estancia alberga un retrato do Padre Feijoo, orixinal de Ramón Parada JustelTamén conserva nos seus fondos os volumes da “biblia del toro”: a enciclopedia taurina Los Toros. Tratado técnico e histórico (1943) dirixida polo académico José María de Cossío.

Biblioteca




Moitos cadros de estilos e épocas diversas adornan as paredes, entre eles un mural de Quessada pintado de noite. A explicación para esta abundancia de obras de arte? Os/as artistas que querían expoñer no recinto pagaban cun cadro. Ese costume está mudando porque xa non queda espazo onde expoñer máis obras.

Mural de Quessada
Detalle das pinturas que adornan os muros do patio de entrada
Mesas de xogo, que esperan un lugar onde ser recolocadas


O salón nobre. noutros tempos salón de baile, con tribuna para a orquestra incluída, reconverteuse en salón de actos cunhas butacas azuis que se mercaron a un cine, aínda que a decisión de fixalas ao chan foi controvertida ao perder deste xeito a posibilidade de voltar ser usado como salón de baile.

Vista da terraza desde o salón nobre. No verán adoita haber concertos neste espazo
Recitais musicais, presentacións, actividades da coral, escola de xadrez, xogos sociais (chincho, tute, escoba), tertulias e encontros literarios animan este espazo singular no corazón da cidade de Ourense. Esa mesma tarde en que o visitamos, mentres os maiores conversaban nas robustas cadeiras de madeira e  coiro da entrada, rapaces e rapazas ían chegando ao Liceo para escoitar a Xabier Quiroga falar da súa novela Izan o da saca.

Quedo moi agradecida a Celia Pereira Porto e a Manuel Sueiro pola súa hospitalidade, por mostrarme un edificio precioso e por descubrirme un anaquiño da historia de Ourense.

No comments:

Post a Comment