En decembro do 2017, Jessica Stillman publicaba un artigo que levaba o suxestivo título: "Motivos para rodearse de máis libros dos que xamais terás tempo de ler". Invítovos a lelo en inglés nesta ligazón.
A idea parte da premisa que tanto se nos repite de que a aprendizaxe permanente nos axuda a ser máis felices e estar máis saudables. Daquela, aló imos todos/as e mercamos libros e libros. Moreas deles. Pero a vida é carreira, de aquí para acolá, e... do dito ao feito hai bo treito. Abarrotamos os andeis con libros que temos a intención de ler (algún día!), ou que comezamos pero non rematamos. Entón, deberiamos abandonar a operación "aprendizaxe permanente"?
Di Stillman que se acabamos non lendo ningún deses libros... pois si, nese caso hai que cambiar de método. Pola contra, se o problema é que o ritmo da lectura non acompaña ao da compra, os andeis cheos de libros non son sinal de fracaso, senón unha medalla de honra.
Entra aquí na análise do concepto de "antibiblioteca", proposto polo autor e estatístico Nassim Nicholas Taleb (The Black Swan). Taleb comeza por falar de Umberto Eco e a súa biblioteca composta de 30.000 volumes. Liunos todos? Por suposto que non. Eses libros eran un recordatorio do coñecemento potencial que aínda podía adquirir. Un símbolo visual que alimentou a súa fame intelectual e a súa curiosidade perpetua. Taleb escribe:
"Unha biblioteca persoal non é un apéndice para hinchar o noso ego, senón unha ferramenta de investigación. Os libros lidos son moito menos valiosos que os pendentes de ler. A biblioteca debería ter tanto do que non sabes como che permitan as túas posibilidades económicas, a hipoteca e o mercado inmobiliario. Acumularás máis e máis coñecemento e libros segundo te fas vello, e o número crecente de libros pendentes de ler nos andeis ollarante ameazantes. Éche así. Canto máis sabes, máis filas de libros sen ler. Propoño chamar a esta colección de libros pendentes de ler a antibiblioteca"
A antibiblioteca é un recordatorio constante das nosas limitacións: a inmensidade de cousas que non sabemos, sabemos a medias, ou que un día nos daremos conta que aprendemos mal. Vivir con ese recordatorio a cotío danos ese empurrón cara a humildade intelectual que mellora a toma de decisións e potencia a aprendizaxe.
Taleb di que "a xente non anda por aí cun anticurrículum dicíndonos o que non estudaron ou experimentaron (é traballo dos competidores facelo), pero estaría ben que o fixesen". Por que? Porque é ben coñecido que os/as máis incompetentes son os/as que máis seguros/as están das súas habilidades e os/as máis intelixentes os que están cheos/as de dúbidas. É o que se coñece como efecto Dunning-Kruger. Está igualmente establecido que canto antes admitas que non sabes algo, máis axiña aprendes.
Así que, amiguiños e amiguiñas, que máis dá que a lista de "pendentes de ler" nos dea para dúas ou tres vidas?
No comments:
Post a Comment