Okuda é un artista nado en Santander e afincado desde o 2000 en Madrid. Comeza no ano 1997 cun estilo claramente recoñecible, pintando na rúa, en vías e fábricas abandonadas da súa vila. Desde o 2009 produce obras máis íntimas e persoais no seu estudo, pero sempre mantendo o que el cataloga na súa biografía como "Surrealismo Pop" cunha clara esencia de rúa. Os seus traballos formulan as contradicións sobre o existencialismo, o universo, o infinito, o sentido da vida, a falsa liberdade do capitalismo, e amosan un claro conflito entre a modernidade e as nosas raíces.
Unha vez que ves unha obra de Okuda, identificas outras del ao momento: arquitecturas xeométricas e estampados multicolores que se funden con formas orgánicas, corpos grises sen identidade ou animais sen cabeza.
A súa linguaxe iconográfica é única e moi especial. Encaixa tanto a pé de rúa, como no remolque dun camión, na fachada dun edificio, no interior dunha igrexa ou na galería de arte máis chic.
Tamén é singular o seu xeito de traballar. As súas obras adoitan ser de gran formato, pero el di: "No hago bocetos porque, con tantos proyectos como tengo, no tendría tiempo libre. Cuando estoy abajo, pienso lo que voy a hacer y me hago un esquema mental; y, cuando subo, lo ejecuto".
Podedes visitar as súas obras en India, Mali, Mozambique, EEUU, Xapón, Brasil, ... pero o que máis preto che queda agora é Madrid, onde será o artista invitado da XIII edición de Art Madrid, do 21 ao 25 de febreiro de 2018 na Galería de Cristal de CentroCentro Cibeles.
As que aquí vos deixo son imaxes do Palacete del Embarcadero (Santander), dunha mostra que levaba o epígrafe "Palace of the Holy Animals" e que constituíu a primeira exposición individual do artista na súa vila natal. Nela puidemos facer un percorrido fotográfico polos seus murais recentes e por outra banda ver as súas creacións específicas para o Palacete, moi variadas tanto en temática como en materiais.
Para saber máis:
- Vídeo onde o artista comenta a súa participación no Truck Art Project.
- Páxina web de Okuda.
- Vídeos en Vimeo sobre o artista ou algunhas das súas obras.
- Entrevista en XL Semanal.
- Artigo en The Idealist sobre as súas obras máis asombrosas.
No comments:
Post a Comment