Monday, February 5, 2018

Word Buffs (II): Xacobe Pato


Xacobe Pato descríbese como libreiro en plan Hugh Grant.


Would you like to listen to this word buff reading a text of his own?




Comezou a gustarche ler...
Non fun nunca o típico neno pegado a un libro. O certo é que nunca fun un gran lector e iso que vía á miña irmá devorar libros de Roald Dahl ou Carmen Martín Gaite. Pero teño moi bo recordo dalgúns libros da miña infancia como a colección de ‘Sapo e Sepo’, ‘Jim Glotón’ ou ‘MNA: (Mermelada de Naranja Amarga)’. Os máis importantes aínda os conservo. Creo que o meu clic lector non chegou ata que o meu pai me regalou un cómic de Tintín, foi o punto de inflexión.

Ti como neno ou adolescente lector
Fun basicamente lector de comics: os de Son Goku, Tintín e o Teniente Blueberry sobre todo.

Un libro ou varios ao mesmo tempo?
Hai moitas formas trapalleiras de comparar os libros coas persoas e eu creo que as usei todas. Unha delas é que hai persoas e libros que se poden solapar e persoas e libros que non. En xeral, adoito compaxinar un libro longo, ambicioso, con novelitas ou ensaios curtos. Este ano, por exemplo, lin Crime e castigo e non podería compartilo con nada.

Mercar os libros ou lelos prestados?
Cómproos, ademais cun descontiño por traballar en Cronopios, porque os fodo enteiros durante a lectura. Cando vivía na Coruña collíaos na biblioteca de debaixo de casa do meu pai, pero tampouco tiña un piso propio onde poder despatarrar os libros a gusto.

Gardalos ou deixalos ir?
Ou os gardo ou llos presto á miña irmá. Sempre que llos deixei a outras persoas foi de mala gana, como unha rata. Con todo, non teño ningún problema en que alguén me preste un libro e quedar con el.

Lugares para ler
A cama, o sofá, a ducha, o banco de enfronte do traballo mentres fumo un pitillo, a cola do banco.

A lectura – en solitario?
Si. As poucas veces que a miña moza le ao meu lado ponme moi nervioso porque vai moi rápido.

Rituais lectores
Poñer o meu nome, a data e ás veces un comentario estúpido na primeira páxina. Subliñar e deixar observacións máis ou menos procedentes á marxe. Despois do punto final, poño a data na que o terminei.

Que estás lendo agora?
Travesuras de la niña mala, de Vargas-Llosa. Tamén estou a reler Historias de Londres, de Enric González e a ratos, no pitillo do traballo, os relatos de Manuel Darriba en Elefantes.

Que lerás despois?
Ata que acabo un libro non sei de certo cal vai detrás. Teño na mesilla El club de los mentirosos, de Mary Karr e Charamuscas, do gran Suso Lista, pero non prometo nada. Son un chico fácil.

En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?
Só abandono un libro se se me cruza un máis guapo, como no meme que anda por Twitter onde un mozo acompañado da súa noiva se xira para mirar a outra. Adoito pensar que os retomarei máis adiante pero nunca sucede.

Que libros están na lista de "reler"?
O adversario de Emmanuel Carrère
A esmorga de Eduardo Blanco Amor
Os detectives salvaxes de Roberto Bolaño

Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería...
Os que teño asinados por Juan Tallón, Sergio del Molino ou Manuel Jabois, os meus escritores vivos favoritos. Pero en caso de incendio supoño que a miña prioridade sería salvar ao meu gato.

Un libro que está sobrevalorado ou un libro que se che resistiu 
A min resistíuseme El hambre, unha reportaxe tremenda de Martín Caparrós, pero porque o sobrevalorado son eu, non o libro. Gustaríame retomalo porque o empecei na praia hai un par de veráns e superoume absolutamente.

O libro que máis regalaches
Regalo moitos libros pero a moi poucas persoas, así que non adoito repetir.

Unha cita
Gústame moito unha de Richard Ford en El periodista deportivo:
 “Non hai nada tan alentador como saber que en algures, unha muller que che gusta está a pensar en ti e só en ti. Pero non hai nada tan ferinte como que ningunha muller pense en ti. Ou peor aínda, que unha muller deixase de pensar en ti por culpa da túa estupidez. É como mirar polo portelo dun avión e descubrir que a terra desapareceu”
Autores/as favoritos/as?
Lería calquera cousa que escribisen Emmanuel Carrère, Edurne Portela ou Manuel Rivas, por exemplo. Aos mortos non me gusta citalos.

Ler en galego...
Son un lector moi desordenado e cando tento poñerme cotas fracaso estrepitosamente. Leo moito menos en galego que en castelán e moitísimo menos do que me gustaría.

Completa como che pete:

· O cómic... Para min Tintín e Haddock son dúas das persoas máis importantes da miña vida.

· O ensaio... Un libro como El filtro burbuja é tan entretido e aterrador como unha novela de Stephen King. Poucas cousas máis duras e ben escritas que Raval, de Arcadi Espada. Non es o mesmo despois de ler Las madres de la Yihad, de Alexandra Gil, saes del cunha descarga de prexuicios liberadora. Ao rematar La España vacía un entende moito mellor o país no que vive. Oxalá poder ler un ensaio tras outro.

· Os libros infantís e xuvenís... Lin Sobrevives?, de Fina Casalderrey, con trece ou catorce anos. O protagonista, un adolescente retador, duro e hipersensible: caeume enrriba como unha bomba. 

· A novela... Tender is the night. Moita xente odia a Carlos Boyero, eu quéroo moito: descubriume esta novela total de ascensos e caídas.

· A poesía... O meu pai é poeta, estou case convencido de que o meu desinterese absurdo e radical pola poesía debese a isto.

· O teatro... Bodas de sangre

Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura
Unha cousa terrible que calquera ser racional odia son as mudanzas, por iso a miña moza e máis eu ata hai pouco mudabámonos unha vez ao ano. Axudábanos o seu pai e non se me esquecen as caras que poñía cando vía as caixas dos libros, que se multiplicaban en cada mudanza.

Stephen King falaba do "constant reader", ti es un deles ou hai periodos nos que prefires non ler?
Paso por crises lectoras nas que podo estar un par de semanas sen terminar un libro. Pero nunca deixo de ler, a sede narrativa nunca se esgota: leo artigos, reportaxes, blogues, contas de Instagram, de Twitter; ademais de ver series e películas, de escoitar podcasts. Ao final estanche contando unha historia, que é o que un busca sempre, noutro formato.

Les porque...
Porque me divirte sempre. Porque me conmove ás veces. Porque me perturba atoparme no que escribe un señor maior nunha aldea a vinte quilómetros de Compostela ou unha moza de vinte anos nunha megalópolis en Xapón.

Escribes algo? O que?
Escribín algúns relatos. Desde pequeno, desde os sete anos, tamén levei intermitentemente un diario. Hai catro ou cinco anos empecei a escribilo no ordenador e ao documento de Word chameille ‘Diarios’, para darlle un toque menos infantil e máis literario: non se pode ser máis cretino e pedante. O ano pasado ademais escribín durante un mes a peor novela da historia. Unha novela de amor! A verdade é que a escritura está todos os días na miña cabeza pero na práctica escribo con sorte unhas quince veces ao ano.

Escribes porque...
En principio por envexa e vaidade. E unha vez que me poño sérveme para ordenar os meus asuntos, para saber o que penso sobre algo, a miúdo con resultados sorprendentes.

Outra cousa que queiras compartir 
Un saúdo e moitas grazas por pensar en min para esta iniciativa tan chula.

Para saber máis:

  • Perfil de Xacobe en Instagram.
  • Perfil de Xacobe en Twitter.

No comments:

Post a Comment