Thursday, June 9, 2016

Handwriting: A Personal Anecdote

Writing lines. Maybe you read this sentence nowadays and you will immediately think of Bart Simpson on the blackboard writing lines as a punishment. Indeed there are lots of chalkboard gags in The Simpsons, there is  this website with a list of all of them from the series. However, for me it was a part of my childhood education and from 3rd to 5th grade I remember having to write every single word we misspelt in a dictation ten times. There was some usefulness in that, it can't be denied. Zig Ziglar himself said "Repetition is the mother of learning, the father of action, which makes it the architect of accomplishment." 

What about writing lines as a punishment, though? What's your take on this issue? I am going to tell you the story of how half a village ended up writing lines for something I did. I'll continue in Galician, though. It's a personal story and galego is the language of my heart. 

Source: bartsblackboard.com
Tíñavos 16 anos e estaba naquel entón cursando 2º B.U.P. no IES Terra do Xallas. Daquela xa sabedes os itinerarios que había: letras puras, ciencias puras e letras mixtas. Eu estaba neste último grupo, porque aínda que xa me pasara a teima de ser bailarina, non tiña claro se quería ser profesora de inglés ou psicóloga. E mellor ter cubertas as dúas frontes.

Para porvos en contexto, direivos que era un luns, na segunda avaliación, aló polo mes de febreiro, e estabamos na clase desta materia que non vou mencionar, cun profesor excelente, duns trinta e poucos anos. Explicaba que daba xenio escoitalo, e de feito acórdome ben tanto do que aprendemos como das anécdotas persoais que nos contaba. Lembro por exemplo que nos contara en detalle o día que aprobou o exame para ser patrón de veleiro. Sendo de interior imaxinádevos o exótico e  glamouroso que nos parecía alguén que pasaba as fins de semana en veleiro.

Pois o caso é que non sei con quen falei, nin de que, nin por canto tempo naquela clase. O que si lembro é que nos chamou a atención varias veces -o que avisa non é traidor, certamente- e  que finalmente, bastante cabreado, mandounos copiar 1.000 (MIL) veces a frase "Non falarei na hora de clase, a non ser que o profesor non esta dentro". As copias debiamolas entregar o día seguinte e non facelo implicaría suspender a asignatura. Ou polo menos esa era a ameaza. E daquela ninguén cuestionaba os criterios de avaliación.

Mirando en retrospectiva, penso que aínda tiñamos bastante sentido da xustiza, porque en ningún momento pedimos que nos quitasen as copias - ou sexa, entendiamos que algún castigo mereciamos. Ou igual, simplemente non poñíamos en tela de xuízo as decisións dos profes.

O que si tiñamos claro é que mil copias para o día seguinte, nin atando un feixe de bolígrafos as iamos dar feito, por tanto, comezou un duro proceso de negociación feira-style no cal nós pedimos unha rebaixiña xusta, a un número tamén redondo, 500 por exemplo. E el, que creo que xa alcanzara o point of no return, dixo que nanai. Que eran mil, e nin unha menos, ou non nos corrixía o exame.

Cheguei a casa e aló empecei. Dicíavos que era luns, detalle que lembro porque era cando tiñamos clase pola tarde, así que chegabamos polas seis e pouco tempo quedaba para escribir mil copias. Así que, veña a darlle.

  

Comezar, comecei, e levaba xa unhas poucas follas feitas cando vin que aquilo non tiña xeito nin trazo. Non ía dar feito as mil nin de broma para o día seguinte. Daquela viñan os nenos da aldea á miña casa para que lles axudase coa lectura, pero cando viron o panorama, eles mesmos, as nais e irmás ofrecéronse a axudar. A miña aldea é pequena e sempre se sabe todo. Non, en serio, todo. E o que non se sabe, dedúcese. Así que así foi como media aldea, sen discriminación de sexo, idade, ou habilidade escrita, se puxo un luns pola tarde a escribir copias para que Diana as puidese entregar ao día seguinte.






Alí copiamos todos e todas como condenados, sumando liñas duns e doutros para ver se chegabamos a mil. Botaban fume os bolígrafos e xa á desesperada, collín de máquina de escribir e fixen algunhas máis, que de paso aumentaba a velocidade de pulsación.


Non, non agardedes final feliz. Non chegamos a mil, nin tendo a colaboración dunhas dezaoito persoas máis. Ao día seguinte suaba porque, perdón, pero a miña carreira académica (ben como psicóloga ou como profesora de inglés) estaba en xogo.

Durante o recreo os compañeiros e compañeiras da outra clase (os de ciencias puras) aló me axudaron a copiar tamén, pero aínda así non chegaban. Mil copias son moitas copias.


Un amigo díxome que polo menos  fixera ben non numerándoas, porque o profesor tería que contalas para saber se as fixera todas ou non. Suspiro de alivio, seguro que tería cousas máis interesantes que facer que contar se as copias chegaban a mil. Navegar no seu veleiro, por exemplo.

Pero outro saltoume dicindo que a cousa érache ben fácil: contar as liñas dunha páxina e multiplicar polo número de follas. Vale home, aló ía a miña felicidade. Aínda así, non había o mesmo número en todas as páxinas, xa que había letras de tamaño máis grande, xente que deixara máis espazo... Pero, e se lle daba por contalas? Pois nada, resignación. Metín as copias todas nun cartafol de plástico transparente e deillas, vermella coma un tomate, coa cabeza baixa, sen dicirlle nada máis: nin que non había mil, nin que non as fixera eu todas, con esa esperanza crédula e inxenua de que non se ía dar de conta. Penso agora, en retrospectiva, que seguramente liu todo na miña cara naquel momento.

E tal como as recolleu ese día, devolveumas outro, con elegancia calada. E esta é a razón de que conserve estas copias que, debo confesar, gardei inicialmente para ter traballo adiantado se me voltaban pór o mesmo castigo.

Non houbo máis copias na miña vida, e non porque non falase na hora de clase, mesmo co profesor dentro. Aínda así gardo este recordo sen traumas, sen rancores e con moito agarimo. Foi xusto o castigo? Pois sería. Eu estaba falando! Había outras alternativas? Habería, pero a el pareceulle esta a máis axeitada. Valeume para escarmentar? Mmmm, xulgade por vós mesmos/as.

O conto é que se non fose por estas copias, como ía eu conservar a caligrafía de tanta xente cercana a min? Dalgúns destes nenos aínda teño fermosos contos e poemas, pero das súas nais, ou doutros/as veciños/as, esta é a única mostra escrita que teño. Algúns xa non están. E ademais, non vos parece singular esta colección de follas? Un exemplo de solidariedade, unha colección de caligrafías dunha aldea, o mesmo día, a mesma tarde, unidos por unha causa (cuestionable ou non): chegar ás mil.

No comments:

Post a Comment